A BANDA DOS CUEIROS


A Banda dos Cueiros (https://www.facebook.com/ABandaDosCueiros/) é un proxecto de música infantil que nace en febreiro de 2013 no seo da Asociación Espazo Lectura de Gondomar (http://espazolectura.gal), e máis en concreto como reforzo das sesións da actividade Contos en Cueiros (http://espazolectura.gal/contos-en-cueiros/), que pretende achegar o libro e a lectura aos máis cativos a través de cancións, contos e xogos.
O grupo está formado por seis persoas: dúas delas cantan e fan coreografías, e as catro restantes fan coros, tocan a guitarra, o acordeón diatónico, frautas, clarinete e percusións.

Aínda que nun comezo o seu repertorio se restrinxía a temas para bebés de 0 a 3 anos, pouco a pouco foron abrindo o espectro de idade e na actualidade as pezas que interpretan cobren un abano que vai dende os 0 ata os 8 anos, aproximadamente.




A Banda dos Cueiros (2017)

Con este disco, organizado tacitamente en catro bloques temáticos (as rutinas, os afectos, os animais e as partes do corpo), A Banda dos Cueiros pretende achegarse ao público infantil para axudar a comprender, entre outras cousas, a importancia da lectura para o desenvolvemento das persoas.











Temas de composición propia, versións actuais de melodías xa clásicas, adaptacións musicais de contos e poemas da literatura infantil e xuvenil galega, reinterpretacións de cancións e ladaíñas da tradición oral... Pezas en galego, en inglés, en italiano, en alemán, en portugués...









Ademais de en diferentes sesións de Espazo Lectura, A Banda dos Cueiros leva actuado en varias escolas da Galiña Azul e de Educación Infantil, no Festival Surfing the Lérez, na Feira Culturgal das Industrias Culturais de Galicia ou no acto de entrega dos Premios Xerais de Literatura, entre outros eventos.


Contacto: 637 923 703 (Noli)