ForaOstias Entrimo


"Boas, somos Fora Ostias, da Raia, Entrimo. Nacemos por volta do 2014 na sala da casa do Héctor, o batería primixenio. Daquela eramos quatro, o Gus cantaba, e o Gabry e o Tomé tocaban a guitarra.

Depois dun tempo, e por circunstancias da produción, fomos fichar ao baixista, o Lucho, a Olelas. Ao Anxo, o que boura desde 2015 na batería, tivémolo que buscar fóra. Sendo todos arraianos, só el é un pouco estranxeiro, naceu uns quilómetros máis arriba, na urbe, pero xa foi acolhido coma un igual, e circuncidado.

Xuntámonos por primeira vez, e como sempre, para faer ruído, que é o que máis nos gusta. O ruído, en galego, por prescrición médica, e en forma de rock para berrar mirando para o Altar dos Cabrós. Tamén en forma de punk, fixándonos nas cristas das bubelas, porque nos gusta navegar entre o respecto à tradición e o desexo de esnaquizala.

Levamos feito umha xira de varios anos/lugares na provincia, xeralmente en sitios cos que compartimos moitas sensibilidades (ou cervexas, según se mire), Lobios, Bande, Maceda, a capi... Este ano tocamos na casa, no palco da orquestra das festas de Entrimo, sentíndonos como Santana en Woodstock.

Temos de imaxe do grupo umha vaca cachena porque andan polas pedras do Xurés e comen toxos. Nós igual, comemos toxos durante anos, fazendo noso aquile himno dos Luthiers de “perdemos, perdemos e voltaremos a perder”. Mais, ai agora! Agora, o meu can papou umha mosca.


 

 

 O Galo

https://www.youtube.com/watch?v=lZMGCBf2m1U&fbclid=IwAR2mjEOIWZ_ZjPETnsWbQ6OSA8UfbYSnwZJ1iHX8K2BIjD7s5-_JU5-HIDU

Video gravado por Dibujando con Luz nas terras de Entrimo e da Baixa Limia.





Xa gravamos a nosa primeira maqueta e o noso primeiro videoclip! Xa non rompemos cordas, nin atamos un pau a umha cadeira para recrear un micro, xa non se nos baixan os automáticos nin temos visitantes uniformados. Agora temos o noso particular “Utility Muffin Research Kitchen”, e o que acompanha aos nosos instrumentos xa non son leiróns e si espumas acústicas de 23,0 ± 2,0kg/m³ de densidade."

Podedes escoitar e descargar o seu traballo discográfico en:

https://foraostiasentrimo.bandcamp.com/?fbclid=IwAR1zFoLGstTXrzVEOt736apn2xD_3pPAttCBLvkIBiN_6MUexThk--p73Ec

CONTACTO: 
f.o.entrimo@outlook.es