A editorial Chave Mestra de A Central Folque presenta o libro-CD Maruxa Boga; Recordando a Galicia de Xesus Blanco Rosas e Norberto Pablo Cirio.
Maruxa Boga foi unha das mulleres máis emblemáticas da emigración galega, pioneira na radiodifusión e no ámbito artístico-musical. Nacida en Río da Prata en 1915 asumiu como propia a orixe galega dos seus pais (de Barbanza), participando desde nova da efervescencia cultural que caracterizaba a emigración de Arxentina. Desde a década de 1930 destacouse como intérprete musical e tamén como actriz na posta en escena de “Os vellos non deben de namorarse”, de Castelao.
O seu primeiro contacto coa radio vén da man de Maruxa Villanueva, que en 1939 pensou nela para acompañala no proxecto de “Galicia”, a primeira radiorevista galega da emigración. Cando este espazo pechou, Maruxa Boga e o actor “Tacholas”, tomaron a iniciativa de apostar de novo por unha emisión de temas galegos e así naceu “Recordando a Galicia”, seguindo unha idea de Castelao. Pola súa calidade e audiencia o programa mantívose en antena desde 1945 ata 1984, o que o converte nun dos máis lonxevos da emigración.
Polo estudo de “Recordando a Galicia” pasaron intelectuais, artistas e escritores como Castelao, Luís Seoane ou Manuel Colmeiro. Pero sobre todo a audición foi un lugar de difusión e posta en valor da música galega creada en Arxentina, contando co amplo fondo musical que lle proporcionaban as principais casas discográficas locais e coas actuacións ao vivo das principais agrupacións, compositores e artistas residentes.
DISTRIBUE: