Guadi Galego. Pola beira da canción
Autor: Pepe Cunha
Editorial: Embora edicións
Formato: 15x21 cm
Edición: xullo, 2019
Idioma: galego
Páxinas: 192
Encuadernación: tapa blanda
ISBN: 978-84-17824-08-2
" unha biografía persoal de Guadi Galego escrita por Pepe Cunha e que abre unha colección de músicos e músicas galegas en Edicións Embora. Guadi Galego. Pola beira da canción fálanos da carreira musical da que fora voz do desaparecido grupo Berrogüeto, un dos máximos expoñentes do folk galego que chegou a colleitar un gran éxito ata a súa desaparición no 2014. Dela quedan grandes cancións como “Lévame de aquí”, “Xente” ou “Danza de Meirol”, que se converteron en hits de moitas xeracións.
O libro de Pepe Cunha nace dunha gran xenerosidade, que parte da propia admiración que o autor sente por esta gran muller, cuxas cancións describe como “atractivas, libres de prexuízos e ateigadas de sensibilidade”. Da música folk ao pop de autor, Guadi caracterízase por ter levado desde sempre o ritmo nas veas, e tamén ese mar da súa Cedeira natal que impregnou, en maior ou menor medida, todas as letras. Ela mesma describe este proceso nunha conversa con Ugia Pedreira no xornal Galicia Confidencial: “Cos anos son consciente de que amar a mares é o meu obxectivo na vida. Amor polo mar, pola música, polas amizades, o amor de parella, o amor fraternal, o amor polas mulleres da miña vida! Múltiples amores, que se formaron nun contexto común, a ollada ao mar”.
Estamos diante dun libro fermoso, escrito cunha ollada agradecida, e no que amais da parte máis propiamente biográfica, atopamos as diversas opinións sobre Guadi das súas amizades ou doutras persoas importantes no mundo cultural, ás que o autor acode para que lle conten as súas lembranzas dela. Así, combinando esa dose de documentación escrita, que parte principalmente da prensa, coas olladas de persoas que coincidiron con ela nas diversas etapas, temos un documento de gran interese para a cultura galega e as persoas interesadas en ir máis alá dos significados das cancións.
E, como non podía ser doutro xeito, Pepe Cunha realiza unha breve análise do simbolismo da súa música, da evolución necesaria e da discografía que a define, non só nos diversos grupos senón tamén en solitario. Quizais é aí onde radica o mellor do libro: nesa capacidade para entresacar das letras das cancións a forma de ver o mundo de Guadi Galego.
En definitiva, non podo máis que dar os parabéns á editorial por esta colección cuxo obxectivo é axudar no coñecemento da nosa música, e na normalización da lingua galega. Agora toca agardar polos seguintes títulos que virán, cales serán?"
Extraido de Lecturafilia: