PEZAS GUAPAS PARA GAITA, PARA ZANFONA E ACORDEÓN Vol1 - TEMPO DE VALSE (21 valses novos autoria de Xosé Manuel Fernandez), é un libro de partituras axeitado se estás a aprender a toca-la gaita ou a zanfona, ou xa tocas nun grupo.
"Hai xa varios anos, e a instancias dalgúns amigos, retomei o costume de rescatar os temas que se me ocurrían e plasmalos en pentagrama. E agora veño de dar un paso máis. A publicación sistematizada dalgúns deses temas agrupados por algún nexo que lles den coherencia. E xa está dispñible o primeiro volume, adicado ós valses.
Son 21 valses coa escrita para gaita en Do e máis en Re, e son temas para gaita solita, para dúas, tres, catro gaitas, para gaitas en distintos tons, para zanfonas, para acordeóns e para distintas combinacións entre os instrumentos. Algúns son temas sinxelos e outros máis revirados. O normal na música que sempre fixen dende que en 1980 compuxera a alborada coa que logo montei "A Barroca" xuntándolle máis anacos, mesmo de outros autores.
A edición, distribución e venda facémola nós, e podedes pedir o libro, de 80 páxinas onde a música é a protagonista, escribindo un correo a xosemanuelfernandez.muxicas@gmail.com ou por Messenger. O prezo dos 21 valses, publicados neste ano 21 deste século 21 é de 21€ (gastos de envío incluídos en Península e Baleares) e poderase pagar por transferencia ou por Bizum. Se precisades de máis información poñédevos en contacto no correo antes sinalado e se o queredes recibi-lo adicado e asinado..
PERO ATENCIÓN: quedan xa poucos exemplares desta primeira edición.
Tende-lo libro á vosa disposición, ata fin de existencias, nalgúns dos
máis importantes obradoiros e tendas de instrumentos de Galicia:
Acordeóns Olegario (Vigo),
Afonso Castro (O Rosal),
Cerviño Artesanía (Carballo),
Lis Latas (Lugo),
Musical JR (Carballo)
ou en Seivane (Cambre).
Saúde, e que cante o merlo.
AS CAMPÁS DE CELA
https://www.youtube.com/watch?v=T9jaAnZ2rAI
XOSÉ MANUEL FERNÁNDEZ COSTAS (Vigo - 1960)
Autor de numerosos temas para gaita, como “A Michuca”, a “Boisaca-Choupana”, “Velaí”, “DeNTe” ou o “Pasodobre e medio”. Coautor e creador de outros moitos tamén incluídos na discografía de Muxicas, como a “Foliada de Andrea” ou “A Barroca”. Responsable tamén das montaxes e arranxos dos temas gravados por Muxicas dende o primeiro disco.
Atopamos temas compostos ou arranxados por el, incorporados nas súas gravacións, en grupos coma “O cuarteto Caramuxo”, “Anxo Lorenzo”, “Susana Seivane”, “Xeito Novo”, “Riobó”, “Manxadoira” ou “Xarabal”, entre outros.
Ós seis anos de idade encomeza a súa andaina polo mundo da música, de xeito autodidacta. “Melódicas”, guitarras, bandurras, laúdes, frautas doces, trompas, quenas, sikus ou ocarinas pasaron polas súas mans, dando algúns que outros concertos benéficos.
No mes de abril do ano 1977 entra no mundo da gaita galega, da man do seu titor no instituto, para participar na festa escolar co gallo da celebración do día das Letras Galegas.
Ese 17 de maio fai a súa primeira actuación coma gaiteiro, con instrumentos prestados por Pucho, amigo da familia e seu perruqueiro, líder do grupo “Airiños do Monte” de Sampaio, primeiro grupo profesional no que desenrolará o seu quefacer. Primeiro como percusionista e logo tamén como gaiteiro.
No ano 1978 crea, xunto con catro compañeiros máis, o grupo Muxicas. Grupo que liderará dende a súa fundación e no que desenrolará toda a súa carreira musical durante os seus vinte dous anos de existencia. Gravando un total de oito discos, facendo tamén o traballo de produtor discográfico dos sete últimos.
Entre 1981 e 1985 deseña, dirixe e presenta o “Festival Folclórico de Inverno” de Vigo, que organiza coa colaboración dos seus compañeiros de Muxicas.
En 1982 é invitado polo periodista Segundo Mariño para dirixir e presentar o programa radiofónico “A volta da Festa”. Primeiro en Radio Cadena Española e logo en Radio Nacional de España. Cunha frecuencia de emisión que flutúa entre semanal e diaria durante varios anos, labor que desenrola ata o ano 1987.
Participa como músico colaborador nos traballos discográficos de, entre outros, Alberto Conde, Cuchús Pimentel, Na Lúa, Ollo ó can, Na virada, Bombeiros Voluntarios ou o Coro Ultreia.
É membro fundador da Asociación de Gaiteiros Galegos, compoñente da mesa directiva no proceso de creación. Así mesmo figura como director, redactor e deseñador en diversos números da revista “A GAITA GRILEIRA” editada pola AGG.
Estivo presente activamente na creación e planificación da “Festa da Reconquista” de Vigo, actuando na representación teatral nos primeiros anos como relator dos feitos acontecidos mediante un cantar de cego composto por el, con cartel deseñado e pintado por Liño Figueroa, compañeiro de Muxicas. Dirixindo e coordinando tamén, durante varios anos, a animación musical do evento e ós numerosos grupos contratados.
Tras a desaparición de Muxicas no ano 2000, logo dalgunhas tempadas máis actuando coma cego solista co nome artístico de “Casimiro, o cego da zanfona”, retírase da escena pública musical.
A partires do ano 2015, e a instancias dalgúns amigos, retoma o rexistro físico de temas, maiormente para gaita, pito, requinta, acordeón ou zanfona, que se lle ocorren acotío e que ata ese momento deixaba correr, sen reflectir.
Desta nova xeira de traballos xurde o presente volume onde se recollen algúns dos seus valses, creados máis recentemente.
Os temas xorden, chegan, medran. Hainos que querer coma son. Uns máis sinxelos e básicos, outros máis complexos e barrocos. A intención en todos e cada un deles é que o intérprete os entenda, os sinta e os desfrute. E, en última instancia, os transmita.
Porque a música non se aprende. Descúbrese.
Forza, saúde, e que cante o merlo.
Contacto:
xosemanuelfernandez.muxicas@gmail.com
Máis info en: