PEZAS GUAPAS PARA GAITA, PARA ZANFONA E ACORDEÓN Vol 3 Xosé Manuel Fernández "Muxicas"


 

"Adicado a tód@l@s que aínda hoxe seguen a bailar coma de sempre se fixo."
 
 

Zamáns, xaneiro 2022

PEZAS GUAPAS PARA GAITA, PARA ZANFONA E ACORDEÓN Vol 3

TEMPO DE BAILE

rumbas, polcas, mazurca, foxtrots, habaneras, milonga e tango

19+2 temas novos autoria de Xosé Manuel Fernandez

Querid@ amig@:

Este é o terceiro volume dunha colección que pouco a pouco vai recollendo parte da miña produción máis recente de música para instrumentos galegos. É a continuación dos dous primeiros volumes, adicados ós valses e ás muiñeiras, que tamén presentaban , cadanseu, 21 temas inéditos ou 19+2 coma neste caso. Temas para gaiteiros solistas, para dúas, tres ou catro gaitas. Para zanfonas, para acordeóns, para bandas de gaitas, para grupos folc ou para gaitas en distintos tons.

Este volume presenta dezanove novos temas, máis dous extras, para tocaren de festa, de furancho, de festivais ou simplemente para desfrutar na casa. Uns máis sinxelos. Outros máis revirados. O habitual na música que compuxen dende que en 1980 fixen a alborada coa que logo montei “A Barroca” xuntando máis anacos, mesmo de outros autores.

E van os temas coa escrita para gaitas tanto en Do coma en Re.

Unha chea de páxinas inzadas de novas músicas con vellos arrecendos.

A edición e distribución unha vez máis fixémola nós mesmos, con todo o agarimo e profesionalidade de que fomos quen.

E unha última cousa. Para poder editar os seguintes volumes será necesario contar coa túa complicidade para evitar o “pirateo” de fotocopias. Así que se alguén quere algunha destas partituras, por favor decídelle que merque o libro. Que é o xeito de que entre todos consigamos avanzar cara adiante. Ó cabo o presunto aforro o único que conseguiría é deixar ós gaiteiros orfos de novas novidades. E todos sabemos que non paga a pena. Por iso engadimos en cada partitura o correo electrónico onde calquera se pode dirixir para mercalo.

E nada máis. Grazas a tódolos que aportaron o seu gran e grazas a tódol@s amig@s que coa súa compra dos dous primeiros volumes fixeron posible a publicación deste terceiro.

Con que desfrutedes a décima parte do ca min, cando fixen os temas, daríame por totalmente satisfeito. Forza, saúde, e que cante o merlo.

Xosé Manuel Fernández “Muxicas”



ROBUSTA HABANERA



https://www.youtube.com/watch?v=TO8H_IFLQZM

VÉN DO VENTO - RUMBA

 interpretada pola "Escola de gaitas e percusións do Centro Galicia" de Buenos Aires, con arranxos e baixo a dirección do mestre gaiteiro Alberto López.

https://www.youtube.com/watch?v=peipSehhDo4

VÉN DO VENTO - RUMBA

interpretada polo grupo do Hío-Pontevedra "Mediarea", con arranxos do propio grupo.

https://www.youtube.com/watch?v=JHgvV3tCR6c
 

O GOLPE TROTÓN - foxtrot - 


 https://www.youtube.com/watch?v=4-cYmN7J130

 



 


XOSÉ MANUEL FERNÁNDEZ COSTAS (Vigo - 1960) 

Autor de numerosos temas para gaita, como “A Michuca”, a “Boisaca-Choupana”, “Velaí”, “DeNTe” ou o “Pasodobre e medio”. Coautor e creador de outros moitos tamén incluídos na discografía de Muxicas, como a “Foliada de Andrea” ou “A Barroca”. Responsable tamén das montaxes e arranxos dos temas gravados por Muxicas dende o primeiro disco.


Atopamos temas compostos ou arranxados por el, incorporados nas súas gravacións, en grupos coma “O cuarteto Caramuxo”, “Anxo Lorenzo”, “Susana Seivane”, “Xeito Novo”, “Riobó”, “Manxadoira” ou “Xarabal”, entre outros.


Ós seis anos de idade encomeza a súa andaina polo mundo da música, de xeito autodidacta. “Melódicas”, guitarras, bandurras, laúdes, frautas doces, trompas, quenas, sikus ou ocarinas pasaron polas súas mans, dando algúns que outros concertos benéficos. No mes de abril do ano 1977 entra no mundo da gaita galega, da man do seu titor no instituto, para participar na festa escolar co gallo da celebración do día das Letras Galegas.


Ese 17 de maio fai a súa primeira actuación coma gaiteiro, con instrumentos prestados por Pucho, amigo da familia e seu perruqueiro, líder do grupo “Airiños do Monte” de Sampaio, primeiro grupo profesional no que desenrolará o seu quefacer. Primeiro como percusionista e logo tamén como gaiteiro.


No ano 1978 crea, xunto con catro compañeiros máis, o grupo Muxicas. Grupo que liderará dende a súa fundación e no que desenrolará toda a súa carreira musical durante os seus vinte dous anos de existencia. Gravando un total de oito discos, facendo tamén o traballo de produtor discográfico dos sete últimos.


Entre 1981 e 1985 deseña, dirixe e presenta o “Festival Folclórico de Inverno” de Vigo, que organiza coa colaboración dos seus compañeiros de Muxicas.


En 1982 é invitado polo periodista Segundo Mariño para dirixir e presentar o programa radiofónico “A volta da Festa”. Primeiro en Radio Cadena Española e logo en Radio Nacional de España. Cunha frecuencia de emisión que flutúa entre semanal e diaria durante varios anos, labor que desenrola ata o ano 1987.


Participa como músico colaborador nos traballos discográficos de, entre outros, Alberto Conde, Cuchús Pimentel, Na Lúa, Ollo ó can, Na virada, Bombeiros Voluntarios ou o Coro Ultreia.


É membro fundador da Asociación de Gaiteiros Galegos, compoñente da mesa directiva no proceso de creación. Así mesmo figura como director, redactor e deseñador en diversos números da revista “A GAITA GRILEIRA” editada pola AGG.


Estivo presente activamente na creación e planificación da “Festa da Reconquista” de Vigo, actuando na representación teatral nos primeiros anos como relator dos feitos acontecidos mediante un cantar de cego composto por el, con cartel deseñado e pintado por Liño Figueroa, compañeiro de Muxicas. Dirixindo e coordinando tamén, durante varios anos, a animación musical do evento e ós numerosos grupos contratados.


Tras a desaparición de Muxicas no ano 2000, logo dalgunhas tempadas máis actuando coma cego solista co nome artístico de “Casimiro, o cego da zanfona”, retírase da escena pública musical.


A partires do ano 2015, e a instancias dalgúns amigos, retoma o rexistro físico de temas, maiormente para gaita, pito, requinta, acordeón ou zanfona, que se lle ocorren acotío e que ata ese momento deixaba correr, sen reflectir.


Desta nova xeira de traballos xurde o presente volume onde se recollen algúns dos seus valses, creados máis recentemente. Os temas xorden, chegan, medran. Hainos que querer coma son. Uns máis sinxelos e básicos, outros máis complexos e barrocos. A intención en todos e cada un deles é que o intérprete os entenda, os sinta e os desfrute. E, en última instancia, os transmita.


Porque a música non se aprende. Descúbrese.


Forza, saúde, e que cante o merlo.




Contacto: 

 

xosemanuelfernandez.muxicas@gmail.com

 

Máis info en: 

 

http://muxicas.com/