Clara Pino
O grupo de música Loaira está formado polo trío de excelentes músicos que fan Clara Pino, Rubén e Roi. Unha secciónd e percusión, unha guitarra española e a arpa delta de Clara Pino serviron para ofrecer o concerto que acompañou a presentación da novela "Un dedo manchado de tinta" de Manuel Portas o pasado mércores. O acto tivo lugar no coñecido establecemento de hostalería compostelán Airas Nunes (Rúa do Vilar). Alí, entre un bo feixe de compañeiros de profesión, amigos e admiradores da obra de Manolo Portas, estaban tamén os seguidores da música de Loiara, herdados de anteriores aventuras como Covalblú ou Sete Saias.
Para esta novela o autor encargoulle a Loaira a musicalización do espíritu dos personaxes. En total compuxeron seis temas, un por cada un dos perfís que tan ben retratou o escritor nesta segunda e agardada obra narrativa que ven a sumarse a anterior e exitosa estrea co título "Denso recendo a salgado" (Xerais 2010).
Xerais, como indicou o editor Manuel Bragado, aposta por este tipo de iniciativas que calificou de productos expandidos e que completan a oferta tradicional de lectura ampliando a experiencia.
da web de Xerais: "Un dedo manchado de tinta non é unha novela, afirma categórico Gonzalo Salgueiro, ou polo menos non é unha novela ao uso, aclara el mesmo despois. E vai ser que si, que ten razón. Que isto non é unha novela e que el tampouco é un escritor que responda aos canons establecidos, nin Alberte vai ser un funcionario municipal arquetípico, nin Malulú un vendedor ambulante calquera, nin Carme, nin Cristina, nin Chus serán mulleres con historias do común. Mais a pesar da súa excepcionalidade, velaquí os temos, perfectamente verosímiles, pululando anónimos polas páxinas deste artefacto narrativo coa mesma naturalidade coa que transitan polas rúas de Compostela, coincidindo á espera de que se abra o semáforo da Senra, tomando café no Airas Nunes, sen rozárense, sen se coñeceren case, como moito intercambiando unha distraída ollada impersoal. Gonzalo certamente ten razón. Mais non toda".
O sociolingüista, mestre e escritor publica "Un dedo manchado de tinta" (Xerais 2011). Trátase dunha novela ambientada en Santiago de Compostela que partindo de cinco historias de xente do común fala da vida, e os soños, e as arelas individuais.
O libro disco xa está nas librerías por 18.50€.