Leilía nace no ano 89, da man de seis mulleres, que cunha aposta pioneira e atrevida, nos propuxemos recuperar do esquecemento a tradición oral galega. Ao son de pandereitas e voces, pronto agromaron os froitos, grazas á singularidade e beleza da música de raíz.
É así como abrimos un camiño propio ao publicar a mediados dos 90 “Leilía” (Dismedic) composto exclusivamente por pezas tradicionais.
Nesta mostra etnográfica as melodías evocan un tempo pasado, que a pesares de agonizar, resístese a esvaecer. Con esta publicación obtivemos un fondo recoñecemento de crítica e público, que descobre un xeito de expresión oral, ata daquela practicamente descoñecido na nosa sociedade.
Unha vez sentados os cementos da nosa razón de ser, atrevémonos a dar un paso máis: achegar a música do pasado ao presente, por medio da incorporación de instrumentos e polifonías non tradicionais. Así nace “I é verdade i é mentira” (Virgin Records) (1998) baixo a produción musical de Nando Casal e Antón Seoane, membros de Milladoiro. Este novo paso permitiunos achegarnos a un novo público. Conquerindo así o noso obxectivo: dar continuidade ó pasado a través do presente. A tradición oral galega é xa parte da nosa música actual.
No ano 2003, publicamos «Madama« (Discmedi) no que seguindo a estela do anterior traballo, incorporamos un novo elemento: letras de temática actual. Para iso contamos, coas máns amigas de Xoan Porto, quen fixo a produción musical e coa inestimable colaboración de Suso de Toro, que dixo que eramos “as voces secretas do canto galego”.
No ano 2005, coincidindo co noso 15º aniversario, publicamos «Son de Leilía« (Leilear), un percorrido pola historia do grupo, no que se reflexaran as raíces tradicionais, así como as pezas máis evolucionadas, pasando polas diferentes colaboracións que tiñamos feitas ó longo dos nosos 15 anos de historia. Así a mestura dá lugar a un traballo no que o pasado convive coa actualidade e no que teñen cabida os temas que fomos gravando con artistas como Milladoiro, Budiño, Bleizi Ruz, e outros, xunto a temas inéditos como a peza central da banda sonora da película Fisterra.
No ano 2011 sae ConSentimento é un homenaxe a todas as mulleres que fixeron e fan realidade a creación, a conservación e a transmisión da tradición oral galega.
Un agradecemento personificado na figura de Eva Castiñeiras, unha cantadora, unha pandereteira, unha muller como tantas e tantas mulleres que dende case o anonimato sementaron a nosa terra de arte, cultura e beleza.
Coa inestimable colaboración do músico e arranxista compostelán Xoán Porto, propoñemos neste quinto traballo unha concepción musical acorde a unha nova realidade. Un disco no que apenas tres instrumentos: guitarra, acordeón e contrabaixo.
Abrigan á perfección a beleza do canto tradicional os versos de varias das mellores poetas galegas da actualidade: Ana Romaní, Yolanda Castaño, Eva Moreda, Mariña Pérez, Eva Veiga, Ana Amado e Marilar Aleixandre.
Para mais info: Leilia.net
musica en galego leilia