A COMPAÑIA DO RUIDO PENSARES GALEGOS



'Pensares galegos' ou como xuntar nun disco o amor pola terra, o mar e a música

A Compañía do Ruído quere o mar, quere a xente e quere a música. Así, o seu novo traballo 'Pensares galegos' reúne eses tres xeitos de amar e dalles forma redonda e escoitable. Segundo un dos compoñentes, Suso Bello, “este é un proxecto para o pobo”, di.

Fai xa 10 anos que a Compañía do Ruído se embarcou nun proxecto cultural e, logo de cinco discos, deciden “embarcarse en serio” e lanzar un novo con nove temas propios e outros dous de 'Os diplomáticos de Montealto' e Zënzar, así como a recompilación de “cantares” tradicionais galegos. Dentro desas nove pezas, boa parte delas son unha radiografía sonora da vila de Ribeira, da xente e da realidade dun pobo mariñeiro cunha identidade propia.

Tal e como afirman desde o grupo, “non se trata só dun disco máis de 'A Compañía', senón dun proxecto máis amplo, transversal e integrador da cultura galega”; desde a máis tradicional á máis actual.

Para levaren adiante este proxecto contan coa participación de técnicos, deseñadores, pequenas fábricas de edición de cds e músicos de Galicia tales como Tomás Ageitos, Oplup, Culturactiva ou Jesús Parada, entre outros. “Eles son só unha parte das persoas que contribúen á realización do cd”, afirman desde A Compañía, podendo así amosar “os seus grandes coñecementos” e, asimesmo, dar “boa conta da calidade artística e musical” do panorama galego do momento, din.

Sen dúbida, 'Pensares galegos' vai ser toda unha revolución no panorama musical galego, xa que lle dá unha volta tanto ao procedemento creativo, como á produción e, sen dúbida á presentación do mesmo, que sorprenderá polo novidoso e polo emprazamento no que se ten previsto realizar.

Se ben, o grupo precisaba 2.200 euros para a gravación e a produción deste proxecto, que non podía saír á luz sen a colaboración dos e das mecenas que, a través da plataforma Verkami, fixesen a súa achega económica para financialo. Conseguiron superar esa cifra en menos dunha semana.


Bótalle un ron Collins, Llon!”

Este sexto disco da Compañía do Ruído inclúe 9 temas novos ademais de algúns cantares tradicionais e versións de Zënzar e os Diplomáticos de Montealto, ou os JJJ (grupo de Ribeira dos anos 80), así como outras pezas que o grupo foi compoñendo durante os seus 10 anos de traxectoria. En total, 14 temas nos que poder atopar a esencia deste grupo galego xa consagrado.


En 'Pensares galegos' poderemos escoitar desde a historia do ron Collins, ou como os piratas cubanos botaban limón ao ron para curar a gota ou as reflexións de Ventura 'O Fedello' que cantaba "al crusar el río, aquí te espero" nunha versión daquel tema dos 'Tam Tam Go', entre outras.

Estamos fortes”

Tal e como afirman desde o grupo, “Estamos fortes, temos confianza na formación e ganas de facer directos este verán”. Sen dúbida, a banda atópase nun momento de forma extraordinario. Cun repertorio renovado e unha proposta artística cada vez máis demandada por festivais e outras programacións, a Compañía do Ruído prepárase para afrontar un verán cheo de concertos da man de Culturactiva SCG, a súa produtora.