O noiés Rodrigo Romaní aparece como finalista nas tres categorías que se
conceden nos galardóns e Óscar Fernández, membro de Os Cempés, repite
na lista de mellor artista
Nesta edición dos galardóns achamos unha
mestura entre as candidaturas finalistas de artistas xa veteranos, cunha
sólida traxectoria, e músicos que aportan traballos que supoñen o seu
debut discográfico, como acontece con dous dúos que foron quen de entrar
nunha lista sobranceira da que é difícil formar parte, e máis se temos
en conta que este ano o xurado debeu valorar case un 30% máis de
traballos que na edición anterior.
O portugués Luís Peixoto gañou o ano pasado o premio á mellor canción
formando parte do trío Assembly Point. Nesta ocasión editou unha obra a
dúo co ferrolán Fernando Barroso que vén de acadar un lugar entre os
finalistas a mellor álbum. Pola súa banda, o dúo PeldeNoz, debutantes
discográficos no 2012, tamén logrou unha candidatura como mellor disco e
ademais engadiron que Alonso Caxade, quen exerce de arranxista dos
temas, entrara na terna dos mellores artistas. Na categoría de mellor
tema orixinal non tiñan posibilidades, xa que o repertorio do seu
traballo provén da tradición. Nesa loita para ser a mellor peza atopamos
unha canción do cuarteto A Cada Canto, unha composición de Óscar
Fernández incluída na obra de Os Cempés e unha creación de Rodrigo
Romaní, quen é un dos grandes protagonistas destes nomeamentos ao lograr
entrar co seu Arpas de Breogán nas tres categorías (disco, canción e
artista). Unha menos logrou outro home que tamén leva moitos anos de
andaina no mundo do folk e que completa o cuarteto para mellor canción. O
traballo de Pancho Álvarez como solista, tamén é integrante dende hai
tempo da banda de Carlos Núñez, aparece tamén con opción de vitoria como
mellor artista do ano.
Esta é a segunda edición da nova etapa dos galardóns, anteriormente só
eran recoñecidos os tres mellores discos, e Óscar Fernández conseguiu
aparecer novamente entre os finalistas na categoría de mellor artista. O
ano pasado optou a ese recoñecemento como director musical do álbum
Atlántica Vapora Orquestra e nesta ocasión o xurado salientou o seu
traballo creativo na obra de Os Cempés, grupo do que é o auténtico
cerebro e para o que compuxo varias pezas.
Outros músicos con longa andaina son os coruñeses Luar na Lubre. En dúas
ocasións quedaran ás portas de recibir un premio, ao ser cuartos nas
votacións, e agora teñen opción de facerse con el na categoría de mellor
álbum polo seu Mar maior. Os tres vencedores serán dados a coñecer no
decurso da gala de entrega dos galardóns.
A décimo segunda edición dos premios creados polo xornal LA OPINIÓN
volve contar entre os seus finalistas con diversas óperas primas, polo
que se comproba que todos os anos a escena folk do país conta con boas
novas propostas, xa sexan de músicos emerxentes ou xente cunha maior
traxectoria que decide aportar unha nova perspectiva musical, o que
resulta vital para que o panorama creativo non quede unicamente nas mans
de artistas coñecidos, dos que se debe valorar que continúen ofrecendo
obras de interese.