UXIA CANTA A MANUEL MARIA

Pontevedra e Porriño acollen o comezo da xira
Andando a Terra. Uxía canta a Manuel María’

Este venres, ás 20:30 horas, Uxía subirase ao escenario do Teatro Principal de Pontevedra para estrear a súa nova xira inspirada nos versos do poeta da Terra Chá. O concerto, con entrada de balde, irá precedido da proxección do documental “De amor e cantería”, un traballo de Pixel Films, sobre guión de Anxa G. Refoxo, que traduce en imaxes e son os “Sonetos á Casa de Hortas” de Manuel María e que mereceu o premio Mestre Mateo á mellor produción experimental do ano 2011.

O sábado a artista levará este mesmo repertorio un pouco máis ao sur. Actuará ás 23:00 horas no Bar Liceum de O Porriño. En ámbolos dous concertos Uxía estará acompañada polos músicos Sergio Tannus, Paulo Silva e Santi Cribeiro. Un trío de luxo para esta xira que naceu trala emotiva estrea-presentación do disco no Teatro Colón da Coruña en setembro do pasado ano. Ante a excelente reacción do público, a Fundación Manuel María, autora da idea, e O CABLE INGLÉS | Cooperativa Cultural, responsable do management de Uxía, decidiron darlle continuidade a este proxecto a través dun espectáculo que baixo o nome “Andando a Terra. Uxía canta a Manuel María” percorrerá os escenarios debullando os temas do disco de Uxía.

En palabras da propia Uxía, o repertorio de ‘Andando a Terra’ é “o gozo sinxelo dun canto ao noso labrego-poeta. Un home que andou esta terra, este país, parroquia por parroquia, lugar por lugar, face a face”. Seguindo o seu exemplo, a cantante quixo arroupar a súa poesía na proximidade e coa delicadeza das melodías que foi atopando nos camiños, coa luz, a beleza, a paixón e 'o latexar sincero da emoción' que emana dos seus poemas e amando cada palabra, cada verso e cada nota para poñer en valor o seu valiosísimo, o seu precioso e prezado legado. Ademais da metafísica, o amor, a nenez, a casa natal que quixo tanto, o seu amor á vida, á lingua e a esta terra que andou sen descanso, tamén se inclúen neste traballo adaptacións de temas tan emblemáticos como 'O Carro', que xa fora cantada por Fuxan os Ventos ou o 'Manual do Señorito' á que xa puxera voz María Manuela. Empregando os versos do propio Manuel María, Uxía proponse con esta xira “completar a tarefa urxente, fermosa, nidia e necesaria de gastar o meu corpo e a miña voz nos camiños ata ser pó, seixo ou silveira”. O vídeo promocional podedes velo no enlace http://www.youtube.com/watch?v=edY6-16u0Cw&feature=youtu.be