LINHO DO CUCO


Para escoitar LINHO DO CUCO preme eiqui







 


Linho do cuco son: 
Pablo Bernárdez (zanfona),  
Xián Herrera (gaita, pratos, piano de xoguete),  
Pablo Doval (tuba),  
Miguel Touriño (bombo),
Pablo Pardo (frautas),
Marcos Pérez (percusión),  
Carlos Quintá (acordeón diatónico) e
Benxamín Otero (oboe e corno inglés).

Linho do cuco é un grupo lalinense de música contundente. Música tribal galega mesturada coa sonoridade dunha orquestina paneuropea. Bombo, tambor, pandeiretas, gaita, acordeón, zanfona, oboe, frauta… e oito guapísimos mozos rebordando clase e enerxía sobre o palco. Oito músicos profesionais que nos ofrecen un concerto para escoitar e bailar.

AS ALEGRIAS  O novo disco de Linho do cuco está inspirado no interior de Galiza e por iso leva o nome das entrañas do animal: As Alegrías. É un disco corado polo aire cortante do montes do interior de Galiza, que os cabalos salvaxes fan asubiar co seu galope. Mais tamén é un disco que torna o frío interior polo repertorio que contén: repertorio de tabernas, de banda, de verbena, de orquestras do interior. Dos Padernes do Caurel, do Quinteto Monterrei, da Banda de Veteranos de Lalín, da Republicana de Bermés… Linho do cuco son do Deza, terra de bandas, onde centos de músicos aprenderon a tocar, ensinaron solfexo cunha caligrafía fermosa e ofreceron riqueza cultural e económica. Estas Alegrías son tamén un cariño a eses músicos aos que, sen estar nas cidades, lles chegaron os repertorios modernos, e os adaptaron sen máis prexuízos que o de quererlle á música e atender as demandas do público. Unhas Alegrías tamén para as xentes destas paisaxes rudas, que tardaron décadas en chegar á praia, pero que souberon forxar un repertorio e un estilo propio. Linho do cuco non fan revisións vintage. Que pensen coma os seus avós non lles fai tocar o mesmo que tocaban eles. Desde a tradición, Linho do cuco ofrecen unha proposta de música POPular actual para as sesións vermouts e as verbenas. Para desfrutar do día de festa da mañán á noite.


contacto
PARA MAIS INFO LINHO DO CUCO.COM