O que
será o noveno álbum na carreira discográfica de Heredeiros da Crus titularase Jard Rock con Fe e manterá intacto o
espírito roqueiro e gamberro que iniciaron os de Ribeira hai xa máis de 20 anos:
letras irreverentes, linguaxe desenfadada e 100% galega e, sobre todo, moito,
moito rocanrol. Comezando polo primeiro single do disco, A
Duquesa de Poi, un temazo cañero e cun toque glam que conta a historia real
de Manuela, a avoa de Tonhito de Poi (a mesma que protagonizou a emblemática portada de A Cuadrilla de Pepa a Loba),
unha brava muller que na posguerra se enfrontou ás autoridades locais
do Barbanza mofándose dun político local con moito humor… e un cocho de
por medio.
A Duquesa de Poi, que xa se pode
escoitar desde a nova web do grupo, www.heredeirosdacrus.com,
ou descargar desde Soundcloud, é de momento o único que se poida escoitar de
Jard Rock con Fe. E é que non será até o 24 de maio cando os fans de Heredeiros
poidan tocar coas súas propias mans o esperado novo disco da banda–o primeiro
traballo de estudo da banda despois de 10 anos--. Ese día os Heredeiros da Crus
ofrecerán un concerto que promete ser memorable e para o que as entradas xa
están á venda (desde o venres pola mañá) por internet a través de www.ticketmaster.com e www.airapro.com e partir do luns en varios
puntos de vendas físicos en Galicia detallados na páxina web da banda. Na
entrada estará incluído –obrigatoriamente-- o disco, por un prezo total de 25
euros (10 euros a entrada + 15 euros o disco). As expectativas para o concerto
son moi altas tendo en conta o rcital ofrecido na mesma sala hai pouco máis dun
ano, en marzo de de 2012, con motivo do regreso aos escenarios da banda logo de
oito anos separados. Daquela a discoteca LP-45 quedou pequena para os milleiros
de fans que non quixeron perderse o concerto e que, de feito, esgotaron as
entradas en menos dunha semana. Desta volta, o aforo será un pouco máis
reducido para garantir a comodidade do público.
Jard Rock con Fe gravouse durante o mes
de marzo entre os estudos Bruar da Coruña e, sobre todo, as instalacións da
Escola Municipal de Música de Boiro, á que os Heredeiros agradeceron a súa
colaboración durante a rolda de hoxe. A produción musical asinouna un dos
músicos e produtores con máis prestixio a nivel español, Juan de Dios Martín,
que xa ten traballado con artistas da talla de Amaral, Deluxe ou Enrique
Bunbury.
Aínda que
como é habitual nos discos de Heredeiros a maior parte dos temas do disco son
composicións do guitarrista, Tucho, no Jard Rock con Fe tamén haberá pezas
escritas por outros membros como o vocalista, Javi Maneiro, ou por todos os
Heredeiros en conxunto, temas que surxiron nos últimos meses, nesta nova etapa
do grupo que comezou hai xa máis dun ano, cando os de Ribeira anunciaron o seu
regreso aos escenarios logo de oito anos separados.
O concerto presentación será na discoteca LP-45 de Ordes.