XIV FESTIVAL INTERNACIONAL DE TÍTERES
DE REDONDELA do 14 ao 19 de maio de 2013
Memorial Juanjo Amoedo
O FESTIVAL INTERNACIONAL DE TÍTERES DE REDONDELA (Memorial Juanjo Amoedo) celebrarase do14 ao 19 de maio de 2013. De novo as rúas, prazas e xardíns da vila servirán de escenario para artistas, músicos e titiriteiros das máis variadas procedencias.
A organización do evento, compartida pola ASOCIACIÓN XENTE TITIRITEIRA e a
Concellería de Cultura do Concello de Redondela, mantén a vocación internacional
do FESTIVAL, presentando nesta ocasión os traballos e espectáculos de compañías profesionais de: Francia, Chile e Italia, e Andalucía, Cataluña, Madrid e Galicia (entre outras). Unha festa da diversidade que encherá de novo Redondela de marionetas de fíos, monicreques tradicionais, vangardas creativas, xogos participativos, animación de rúa e un feixe de sorpresas.
Seguindo a filosofía do seu creador, Juanjo Amoedo, o FESTIVAL continúa na liña de involucrar na súa celebración a maior cantidade posible de institucións, de sectores sociais e de xentes do concello, para manter este acontecemento como a maior manifestación cultural de Redondela.
EIXOS DA PROGRAMACIÓN
CAMPAÑA ESCOLAR
Máis de 1500 escolares entre 4 e 12 anos pasarán polo Teatro para poder gozar das 6 representacións que hai exclusivamente para colexios.
TÍTERES DE SALA
Un dos pratos fortes do Festival é a programación de espectáculos de monicreques para adultos... que supuxo nas últimas edicións un éxito asombroso, con cheos absolutos.
RÚA,17, 18 e 19 de maio
Encher as rúas e prazas de público desexoso de ver teatro de marionetas é un dos obxectivos do festival, cunha asistencia que ronda os 35.000 espectadores.
Son máis de 25 espectáculos para todos os públicos,máis de 70 representacións en diferentes puntos da vila e con diferentes estilos: grande pasarrúas, pequenos teatriños, teatro familiar, novas tendencias... todo un mosaico teatral para o goce da cidadanía.