GUADI GALEGO,
XABIER DÍAZ,
GUILLERME FERNÁNDEZ E
XOSÉ LOIS ROMERO
XUNTOS POR PRIMEIRA VEZ:
aCadaCanto
aCadaCanto, o novo disco de Músicas de Salitre xa está a venta.
Neste proxecto musical conflúen por primeira vez de maneira conxunta as carreiras musicais destes catro músicos; compañeiros en outras formacións coma Berrogüetto, Espido, ou Nova Galega de Danza, os catro xúntanse na gravación do sexto disco de Músicas de Salitre.
Homoxeneidade estética
Autoproducido, aCadaCanto fórmano trece cancións, a maioría orixinais e algunha procedente da música tradicional. “A procedencia dos textos e músicas é diversa, aínda que ao final conquerimos unha unidade estética e lírica”, indican os catro responsables do disco. Algunhas das cancións foron feitas para outros discos e remataron neste, coma Aurora ou Lírica do silencio; algunhas, coma Dous meses son de procedencia tradicional, e outras da lírica culta de autores galegos da talla de Xosé María Alvarez Blázquez ou Carlos Rivero.
“Máis aló das diversas procedencias pensamos que as diversas pezas ligaron razoablemente ben entre elas, hai unha importante homoxeneidade estética iso porque os catro respiramos todo o disco dun xeito semellante...”, continúan. Trátase dun proxecto efémero, cun final que chegará pola inevitable volta aos traballos musicais dos protagonistas.
“Foron tantas as partillas que decidimos ordenar esta nosa multiplicidade”
aCadaCanto nace dalgún xeito nos soportais do Concello de Ourense, nun concerto de Fuxan os Ventos no que participaron como convidados Guadi, Xabier e Guille e no que o director musical foi Xosé Lois. “Nun intre de descanso coincidimos os catro falando dos proxectos futuros de cada un de nós, mirámonos e dixemos, porque non?”.
aCadaCanto nace como resposta natural ante as colaboracións habituais de todos os seus integrantes, compañeiros de viaxe en parella, trío ou grupo, pero nunca de maneira simultánea. Segundo os seus integrantes, “hai encontros inevitables, coma os das augas dos regatos que se confunden nos ríos ao chegar á baixa dos vales. Somos urdime dun cesto que garda músicas compartidas dende hai tempo. Foron tantas as partillas que decidimos ordenar esta nosa multiplicidade e converter esas duplas e triplas encarnacións en cuarteto, a forma tradicional. Os Beatles, Os Gaiteiros de Soutelo…”
Contacto e contratación:
Cultura de Comunicación- COMUNICACIÓN MÚSICAS DE SALITRE
Christian Sellés // Cristina Manteiga
Tel: 981 216 879
musicaengalego acadacanto
musica en galego acadacanto