Miudiño Sessions
Miudiño Sessions é un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola nosa música e lingua
Desta volta as cámaras d'A Regueifa foron até o antigo campo de concentración franquista da Pobra do Caramiñal para filmar a Xosé Constenla, unha das voces máis senlleiras da canción de autor galega das tres últimas décadas.
Virada por Avante é o cuarto disco de Xosé Constenla e foi producido por Fredi Marugán (www.fredimarugan.com) e masterizado nos Staterooms Studios por Oscar Herrador (http://www.oscarherrador.eu/).
Ambos teñen traballado ao longo da súa traxectoria con artistas do panorama estatal e internacional (Ismael Serrano, Miguel Ríos, Joan Manuel Serrat, Enrique Iglesias, Compay Segundo, Antonio Vega ou Pedro Guerra, entre outros).
De ‘Virada por Avante’, Fredi Marugán destaca o son a ‘folk rock’ americano que desprenden os 11 temas que o integran.
Editada por ℗ 2016 Setestrelo Editora
O primeiro sinxelo titulado ‘A luz entre a desorde’,é unha das composicións máis intimistas das que integran o álbum, aínda que neste caso mestúrase a parte máis sentimental cun enfoque tamén de loita social. En palabras de Constenla, é “o tema que mellor recolle o meu estado de ánimo cando compuxen os temas do disco; sair da penumbra dun tugurio agochado e descubrir que a vida continua e que está aí para enchela de contido”.
Xosé Constenla - A LUZ ENTRE A DESORDE
DISCOGRAFIA PREVIA:
Sinecismo (2014)
Para escoitar a XOSE CONSTENLA preme eiqui
O cantautor compostelán, Xosé Constenla, editou o seu terceiro traballo discográfico gravado en directo o pasado 28 de xuño no Salón Teatro e sae á luz en formato doble CD e DVD. Titulase SINECISMO e supón o segundo rexistro de Setestrelo Editora. No disco colaboraron as produtoras audiovisuais Picnic Ideas Felices e Tingalaranga, así como o Servizo de Producións e Arquivo Sonoro da CRTVG.
Para esa ocasión reuníu unha banda de músicos de recoñecido prestixio formada por Leo Gianetto (guitarras), Javier Constenla (teclados), Kike Calzonetti (baixo) e Rober Vázquez (batería). No concerto fixo repaso dos seus dous discos anteriores e presentou 9 temas inéditos, resultando finalmente 16 cancións.
http://www.youtube.com/watch?v=ITTv2-zaJnI&feature=youtu.be
Xosé Constenla pretendeu conxuntamente provocar un sinecismo a modo de acicate espontáneo ou “faísca” que estimule a creatividade social consecuencia de convivir xunto a outras persoas, nunha noite máxica e inesquecible.
Agora, presentará este novo traballo polas principais vilas e cidades do país cunha formación trío acompañado por Javier Constenla nos teclados e Rober Vázquez na batería. Comezará o vindeiro 16 de xaneiro no propio Salón Teatro de Compostela.
BIOGRAFÍA MUSICAL
<Xosé Constenla (Compostela, 1980) asume con naturalidade a definición cantautor. A súa música está vinculada diametralmente ao sentido do compromiso social. Se canta é porque, na natureza poética e literaria da realidade, sente que aínda estamos a tempo de transformar determinadas estruturas e correntes perversas e inxustas, por domésticas que sexan.
Dende pequeno gosta de escribir textos de narrativa e poesía. Na infancia e adolescencia gaña case unha ducia de premios literarios e forma parte dun grupo de relevancia cultural autodefinido como “Faladoiro Joam Airas”. A mediados dos 1990, comeza a coñecer a música dos grandes cantautores ibéricos e latinoamericanos. A través de Silvio, Paco Ibáñez, Pablo Milanés, Serrat ou Aute recoñécese perfectamente nos textos de Lorca, Machado, Celaya, Alberti, Celso Emilio ou Neruda. É así como decide restaurar unha vella guitarra que ocupaba un rincón escuro da casa e comeza a estudar música, composición e harmonía. Deste xeito durante o ano 1996 Xosé Constenla compón as súas primeiras pezas, case de laboratorio, e ao ano seguinte -1997- lánzase ás actuacións nos bares, cafés e pubs dunha Compostela daquela efervescente.
Hoxe, dezaeseis anos despois, é un habitual da noite musical da capital do país. Ademais, de tocar en innúmeros lugares e cidades da Galiza, visitou coa súa guitarra Cataluña, Castilla-León, Asturias e Madrid. No ano 2001 visita Lisboa, Porto e Braga para facer unha turné xunto ao coñecido cantor luso José Mário Branco, referente musical xunto a Zeca Afonso da Revolución dos Caraveis.
Durante os seus anos de formación universitaria, coincide coas loitas contra a LOU, Nunca Máis e Non á Guerra, convertíndose en moitos círculos nun dos principais axitadores culturais, musicais pero tamén sociais e políticos. Durante estes anos toca nas principais prazas e teatros do país. Entre 2001 e 2004 é frecuente escoitar recitais de Xosé Constenla nas facultades dos centros universitarios do país, nos aularios e nos peches estudantís.
Así e todo, nunca abandoa os seus cafés de referencia: o Garigolo e o Tarasca en Compostela, o Uf en Vigo, o Esmorga en Ourense ou o Artábria en Ferrol, contan periódicamente coa súa presenza. Combina estes bolos con actos reivindicativos partidarios por todo o país, chegando a tocar varios anos o Día da Patria en Compostela (Festigal, 2005; Mazarelos, 2003 e 2004); na Festa do Orgullo Gay (Praza da Quintana, 2005) e en numerosos recitais solidarios promovidos por diversas plataformas e asociacións.
No ano 2004 entra nos estudos DIORAMA de Compostela coa intención de gravar un disco que sae á luz ao ano seguinte (Falcatruada - Autoeditado, 2005) baixo o título Quen fixo berrar ao silencio Durante eses anos, Xosé Constenla leva de novo a súa música polo país, axudado polos músicos que xuntou para a gravación: Ramón Feáns “Chiri” (guitarras e buzuki), Paulo Gacio (sección de ventos), Diego Pérez (baixo e contrabaixo), Juanjo Fernández (teclados), Rafael Gradín (percusión) e Eduardo Paradela (batería).
No ano 2006, Xosé Constenla consegue ser finalista da I Mostra de Canción de Autor organizada polo Foro Utopía Son de Vigo e o Café UF.
En maio de 2008, lanza o seu segundo traballo discográfico Olladas dun entusiasta, gravado nos estudos PINK de Compostela. O disco foi co-producido por Ramón Feáns e o propio Xosé Constenla e editado por Setestrelo editora (o seu selo propio). No disco conta cos seus músicos habituais e súmanse outros como Paco Nogueiras (teclados e acordeón).
Destaca a aparición do cantautor madrileño Javier Bergia cantando a dúo o tema “Aínda estamos a tempo”. Con Bergia, Xosé Constenla ten celebrado dende finais de 2006 até este mesmo ano máis de 20 concertos no proxecto común “Desbandados”.
Xosé Constenla foi seleccionado no ano 2009 para participar na I Mostra de Canción de Autor organizada pola plataforma cultural XpressionK-Galiza que tivo lugar na FNAC de A Coruña. Asemade, foi destacado, ese mesmo ano, para actuar no Ciclo de Canción de Autor en localidades como Ribeira e Pobra do Caramiñal organizada polo S.A. de Xestión do Xacobeo.
No ano 2010, realiza a produción dun traballo con textos do poeta Avilés de Taramancos. Os textos foron escollidos en colaboración co editor e poeta Miguel Anxo Fernán-Velho. Entroncan no poemario As torres no ar e resultan seis composicións relacionadas con Capitán Nemo e outros cinco sonetos baixo a temática do mar. Este traballo aínda non puido ser publicado. Dende o 2011, inicia un período de produción intenso no que compón. Nestes últimos anos, nunca abandoa as presentacións e os recitais en público. A finais de 2012, xunta unha banda nova con Javier Constenla ao piano, Rober Vázquez na batería e “Chero” na guitarra eléctrica, coa que fai unha serie de concertos que levantan grande afluencia de público e boas críticas.
Recentemente, Xosé Constenla estivo inmerso nunha polo país acompañado polo pianista Javier Constenla que rematou o 28 de xuño coa gravación ao vivo do seu terceiro traballo discográfico e que tivo lugar no Salón Teatro de Compostela.
En paralelo, está recuperando e revisando unha serie de temas compostos entre 1998 e 2003 que está comezando a gravar nun formato acústico.
MÁIS INFO:
xoseconstenla.blogspot.com
C O N T A C T O :
Tel. 618.123.883
setestreloeditora@gmail.com