ENTREVISTA OS MORDECANS






Despois de case seis anos dando guerra nos escenarios os Mordecáns preparan o seu próximo disco, que está a piques de saír. Nesta entrevista contan un pouco das súas vivenzas musicais e explican a similitude entre a rumba catalana e o retrouso galego.

Seis anos xa... ¿cómo comezou todo?

O grupo creouse a partires dun programa feito na web, "A polo ghit". Era o segundo ano que se facía e estabamos moi interesados en participar. Quedamos en segundo posto co tema "O Son do Son".

¿E o nome do grupo?

O nome a verdade é que foi unha cousa bastante complicada de elixir. Faltaban a penas dous días para entregar o tema no concurso e ocurreusenos que tiña que ser algo relacionado co mar e con Porto do Son. Aquí, como en case toda a costa galega, existe un cangrexo que anda polas rochas, de cor oscura, moi particular. Pensamos que sería unha boa maneira de personalizar o grupo. Hai xente que lles chama "Queimacasas". Pareceunos mellor Mordecáns... (risas).

¿Que é iso da rumba catalana?

A rumba catalana é un estilo musical creado no centro de Barcelona (na Calle de la Cera e no Barrio de gràcia) polos xitano-cataláns da época. É unha mistura de flamenco, rock e ritmos afrocubanos que naceu en principio cunha guitarra, voz e palmas. Despois añadíronse percusións, baixo, teclado,...
Os Mordecáns formamos parte de FORCAT, unha asociación creada en Cataluña para fomentar a Rumba Catalana como parte do folclore catalán e a súa universalidade. Pensamos que é un xénero que xa de por sí transmite alegría, moita musicalidade. 
Nos nosos temas incluímos bastante retranca galega mantendo unha base de rumba, contando historias cotiáns. Ás veces dicimos que facemos Rumba de Taberna (risas). 
Tamén facemos alguna versión de Gato Pérez, Peret, Gypsy Kings,Bersuit Vergarabat, Los Van Van,...

Coñecedes persoalmente a Peret,o creador da rumba catalana,  ¿que tal é?

Máis ben "o rei" da Rumba Catalana. Os creadores, según parece, foron varios. Este é un tema un pouco confuso... Cada un aportou algo. Eso sí, él foi o pistoletazo de saída. Foi o gran embaixador.
Peret é unha gran persoa. Transmite tranquilidade. É unha desas persoas que agrada escoitar falar, pois sempre está ensinando e dando consellos. A nós ensinounos varias cousas que agora nos axudan a saber o que tocamos e compoñemos. Que o  importante é saber que é cada cousa e de dónde vén, sin temor a facer fusións e transmitir alegría coa música. Isto é algo que aprendemos del.

¿Que opinades do panorama galego actual?

Sen dúbida Galiza ten un potencial tremendo en canto a bandas de tódolos xéneros. É unha sorte ter tanta variedade musical feita íntegramente en galego. Hai cantidade de bandas, sobre todo a nivel local, que saen cada pouco ó panorama musical. Nós , pola nosa parte sempre tentamos compoñer os nosos temas no galego co que medramos, coas expresións típicas da nosa zona. Pensamos que é unha maneira de amosar o potencial e a variedade que ten esta língua.
¿E que vai ser dos Mordecáns a partir de agora?

Seguimos dando guerra enriba dos escenarios pero é unha cousa que facemos só cando podemos. Cada un ten o seu oficio, que hoxe en día é unha gran sorte, e non podemos estar cen por cen polo grupo pero soemos xuntarnos a menudo para ensaiar e preparar algún concerto. Ademáis estamos a preparar o noso primeiro Disco-Maqueta (risas), que seguro vai soar bastante por ahí. Pensamos que isto da música ten que ser unha cousa feita amodo, sen agobios. Quizáis gracias a iso levamos casi seis anos xuntos. E pensamos seguir por moito tempo!


Saúdos xente! Salut i rumba!

CONTACTO:  osmordecans@gmail.com