Oito finalistas chegan á gala final do I Certame de Canción de Autor en Galego 'Concello de Teo'
O 5 DE ABRIL SERÁ A ACTUACIÓN DECISIVA
O I Certame de Canción de Autor en galego 'Concello de Teo' entra na fase final. O xurado, composto por destacados representantes do mundo da cultura, da comunicación e da produción musical, así como pola concelleira de Cultura do Concello de Teo, escolleron os oito finalistas: Alba María, Gamy, María Costas, MJ Pérez, Nastasia Zürcher, O Neno Elliot, Sofía Espiñeira e Susana Martínez.
O director artístico do proxecto, o músico Xoán Curiel, salienta que “houbo propostas moi interesantes e variadas con diferentes instrumentos, dende cancións máis intimistas con piano ata rap cunha base electrónica”.
Segundo a análise do director artístico do certame, o feito de que participasen músicos de diferentes estilos e con formación do máis diversa “amósanos e danos a medida do que se está a cocer hoxe en día na nosa terra” e anima as persoas interesadas a se achegaren á gala para “gozar da música que se fai no noso país”.
Pola súa parte, a concelleira de Cultura de Teo, Carme Hermida, destaca a ledicia “pola alta participación” e tamén polo “nivel tan alto” das persoas inscritas. Na súa opinión, o xurado puido comprobar o traballo, esforzo e mérito de cada un dos artistas, pero só oito podían pasar á final. “É unha mágoa non poder admirar o traballo da totalidade en directo, seguro que nos farían pasar tan bos momentos coma os que nos ofrecerán os seleccionados” explica a edil teense.
A gala
Do total de 23 inscritos, só os oito indicados chegan á gala final. Esta terá lugar o vindeiro 5 de abril, ás 20 h, no Centro Sociocultural da Ramallosa, a carón da Casa do Concello. Nela disporán de 8 minutos para defenderen a súa actuación, estilo e calidade.
O premio
O premio ao gañador ou gañadora será, entre outros, a gravación dun disco de oito temas. Para tal fin, contarán co local de Nsaio de Teo, facilitado polo Concello. Ademais, a vencedora ou vencedor disporá dunha serie de concertos e de promoción na prensa. Finalmente, tamén se recolle a posibilidade de dous accésits, un ao mellor artista e outro á canción máis orixinal, ambos outorgados polo público asistente.
O certame
O xurado do certame estará formado por Carme Hermida, concelleira de Cultura do Concello de Teo; Uxía Senlle, unha das artistas galegas máis recoñecidas representando á parte artística; Pepe Cunha, fundador do portal www.abretedeorellas.com en representación da prensa especializada e Montse Rivera, directora de Merlo Branco Produccións representando as industrias culturais.
O I Certame de Canción de Autor en galego 'Concello de Teo' está organizado polo propio Concello e conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de Gadis e conta coas colaboracións de, entre outras entidades, Músicos ao Vivo e a Asociación de apoio aos Músicos Noveis Galegos Amunoga a cafetería A Senra (Pontevea-Teo).