ROI CASAL PREMIO CUBADISCO


Roi Casal recibe o Premio Internacional Cubadisco 2014
Emitido polo certame Cubadisco, dependente do Goberno da illa,
o ano pasado premiou a Paco de Lucía


Redacción, 15 de maio. O musico galego Roi Casal vén de ser galardoado co Premio Internacional Cubadisco 2014, un dos máis prestixiosos no ámbito musical, organizado polo Instituto Cubano de Música e o Ministerio de Cultura, e que tivo como un dos gañadores o ano pasado ao compositor Paco de Lucía. Segundo o Comité do Premio, este galardón recoñece a aqueles músicos que “reflictan de xeito creativo os valores musicais máis auténticos dos seus pobos e o compromiso coa defensa da promoción da diversidade cultural, ademais da súa calidade”. Casal, que se amosou moi contento ao recibir a noticia, engadiu que “non podo máis que agradecer este recoñecemento, que non é meu persoal, senón de todas as persoas da banda, de todos os que colaboran con nós neste proxecto, institucións e entidades”.

O Premio Internacional Cubadisco 2014 será entregado polo Sr. embaixador de España en Cuba durante o concerto que Roi Casal celebrará o día 20 de maio ás 19 horas na Sala Teatro do Museo Bellas Artes da Cidade de La Habana, dentro do Feira Internacional, e que porá fin a unha xira que o galego está a desenvolver en varios países de América, como Uruguai ou Arxentina, e que ten como unha das súas citas fundamentais o concerto no Teatro Avenida de Buenos Aires o vindeiro 17 de maio.

O Instituto Cubano da Música e o Comité Permanente da Feira Internacional Cubadisco convocan cada ano o certame Cubadisco, que neste 2014 chega á súa XVIII edición. Durante a Feira ofrécense conferencias especializadas, exposicións, coloquios, concertos e preséntanse novas producións discográficas, así como unha ampla programación musical en diferentes teatros e salas de La Habana.