NON TEMOS MEDO RODRI SUAREZ

SAE Á LUZ 'NON TEMOS MEDO. HISTORIA ORAL DE OS DIPLOMÁTICOS DE MONTE ALTO', A PRIMERA BIOGRAFÍA QUE SE PUBLICA DUNHA BANDA DE ROCK EN GALEGO


O xornalista Rodri Suárez é o autor do libro, co selo de Nicetrip Edición e xa á venta, que se presentará ao público o próximo mércores 28 de maio, na Sala Mardi Grass da Coruña. Usando decenas de testemuñas, o texto relata a carreira da banda de rock “que tronzou todos os tópicos submisos para liderar un movemento, o Bravú, que supuxo un inédito estoupido popular e galego”.




En coincidencia co inicio dos actos que conmemorarán o XX aniversario da creación do chamado “rock bravú” sae á luz 'Non Temos Medo. Historia Oral de Os Diplomáticos de Monte Alto', a primeira biografía que se publica dunha banda de rock en galego, tamén a primeira dun grupo de rock da cidade da Coruña. Escrita polo xornalista Rodri Suárez (A Coruña, 1974), o volume fai un repaso -mediante os relatos en primeira persoa dos seus protagonistas- á carreira dunha banda que supuxo unha revolución no panorama do rock galego, segundo o autor “cunha marabillosa obra pero sempre coa vocación de ir máis alá da música, de converterse nunha axitación xeral coa que crear modernidade partindo da reivindicación da cultura popular. Asi, tronzaron todos os tópicos submisos e acomplexados para liderar un inédito estoupido como foi o Bravú”. 


“Os Diplomáticos xurdiron comoi reacción ao elitismo, utilizaron a linguaxe a a música do seu tempo para ofrecer unha cosmovisión propia, que rachara con falsas dicotomías sobre o urbano e o rural, que puxese en valor a lingua galega como vehículo para o rock e que tamén fixara o foco en realidades agochadas, como a vida nos barrios, para así combater as tendencias -que definiron como provincianas- que se limitaban a copiar a creatividade que xurdía noutras latitudes”, explica o autor, que destaca o éxito que obtivo esa proposta: “Venderon milleiros de discos; xuntaron multitudes nos seus concertos, por toda Galiza pero tamén fóra, por exemplo en Euskadi, onde foron ídolos de masas; crearon unha linguaxe e mesmo un estilo de rock totalmente recoñecible e de enorme calidade e, o que resulta aínda máis importante, a influencia da súa obra alcanzou territorios como o da televisión (casos moi populares foron os do Club Xabarín ou Mareas Vivas), as artes ou a literatura, onde escritores de renome como Manuel Rivas recoñecen a súa cercanía ao Bravú”.


Precisamente Rivas é unha das case trinta persoas que prestan a súa voz ao libro -que utiliza a técnica narrativa oral, a base de conversas- xunto a artistas que mantiveron unha estreita relación con Os Diplomáticos -Antón Reixa, Xosé Manuel Pereiro, Mercedes Peón ou Manu Chao- ademais dos propios membros da banda, como Xurxo Souto, Rómulo Sanjurjo ou Marcos 'Pulpiño' Viascón. “A xenerosidade, tanto cun público ao que sempre convidaron a participar mediante actos diversos na rúa como cos artistas referenciais do seu tempo ou anteriores -como Os Resentidos, Radio Océano ou grupos que xurdiron no seu ronsel, caso de Rastreros ou Papaqueixos- é outra das características máis definidas da banda coruñesa”, indica o autor.


“O libro está centrado no musical porque o rock en galego ten que ter presenza nas librarías, e máis agora que se vive unha época dourada da literatura sobre rock, pero ao mesmo tempo o texto tamén presta gran atención a cuestións vitais e sociais, mesmo políticas, porque falar de Os Diplomáticos é facelo así mesmo da vida nos barrios, da presenza do galego nas cidades, da relación destas coas aldeas de onde a enorme maioría vimos, da repercusión no noso territorio de escenas como o punk -do que saíu o chamado movemento atlantista dos 80- pero tamén das orquestras clásicas, da reivindicación creativa que acompañou ás protestas de Nunca Máis ou do futuro do galego como lingua viva a todos os niveis, tamén no rock'n'roll”, afirma Rodri Suárez, que ademais remarca que “en todo caso, o efecto expansivo que xerou a banda de Monte Alto non debería eclipsar o talento maiúsculo que se amosa nas cancións dos seus cinco discos, tan poderosos como o seu discurso, con éxitos incontestables que xa forman parte da tradición do rock galego: 'Non Chas Quero', 'Gaiteiro', 'Fura Futbolín'...”.

O libro, que sae baixo o selo de Nicetrip Edición, xa está na rúa, en tendas como a propia de Nicetrip ou a FNAC da Coruña e está chegando xa a librarías de toda Galicia. Será presentado ao público o mércores 28 de maio ás 20:30, na Sala Mardi Grass da cidade herculina, no propio barrio de Monte Alto.
Trátase do primeiro libro do xornalista Rodri Suárez, que ten traballado en periódicos como La Opinión -onde foi Xefe de Deportes- ou Xornal de Galicia -onde coordinou a información política- e tamén exerceu de guionista de humor para a TVG ou colabora na actualidade con distintos medios, como Luzes ou, de forma fixa, Sermos Galiza. Así mesmo, escribiu a letra dunha peza dos propios Diplomáticos ('Lume de Biqueira') e mantivo unha sección nun dos programas de radio do líder da banda, Xurxo Souto, o local 'A Tropa da Tralla' de Radio Coruña-Cadena Ser.


Contacto co autor: (Rodri Suárez. Tlf: 698189601. E-Mail: rodrisuarez@mundo-r.com)