XAN CAMPOS TRIO ECTROPIA



Xan Campos Trio é enerxía e jazz. Tras oito anos xuntos sobre os escenarios, e tamén fóra deles, a banda non se etiqueta nin lles preocupa que corrente jazzística é a súa. Para a revista estadounidense All About Jazz son “como a sacudida do primeiro café da mañá”, eles simplemente pensan en  experimentar e gozar da música xunto co seu público, sen medo a saírse da norma, nin rachar cos prexuízos.

A súa é unha proposta para todos os públicos, para quen adora o jazz e tamén para quen nunca o probou. Despois da boa acollida do seu anterior disco Orixe Cero, Ectropía aposta por seguir na mesma liña e profundizar no seu particular son, onde atopamos jazz, rock alternativo, música clásica, rock progresivo e electrónica. Once temas cargados de dramatismo e unha enerxía constante que se sinte dende o primeiro ao último minuto do disco.

Que é Ectropía?
A tendencia natural da enerxía a organizarse
ou unha atrevida proposta de jazz contemporáneo.

BIO

Xan Campos forma parte da canteira de músicos do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, do Musikene de Donostia e agora está mergullado no European Jazz Master que o leva dunha cidade a outra de Europa cada seis meses.

Non tardou en destacar grazas a súa creatividade e o seu talento musical, e hoxe en día a súa orixinalidade e persoal visión do jazz quedan manifestas no seu proxecto Xan Campos Trio, no que comparte escenario co baixista Horacio García e o batería Iago Fernández.

Sen renunciar aos cimentos do jazz persegue un estilo fresco, actual, deixándose influenciar polo que pasa ao seu redor e as vangardas musicais e convencido que de o jazz non só pertence ás salas especializadas.

MAIS INFO:
www.xancampos.com

CONTACTO:
xancampos@xancampos.com
620 178 961