Habelas Hainas
"NON PODEN VIR TOCAR MULLERES PORQUE NON É TRADICIONAL"
CONVOCAMOS HOXE MÉRCORES 17 DE SETEMBRO ÁS 17,30 NO MUSEO DO POBO GALEGO PARA FACER PÚBLICO ESTE COMUNICADO NA TVG PARA DENUNCIAR ESTE FEITO.
AS MULLERES MÚSICAS DO PAÍS, HABELAS, HAINAS
Neves de Grixoa, pelo rapado, monteira por pano, faixa no refaixo, cirolas por enaguas e durmir ó pé da cama. Laura trasvístese co "traxe de home" para poder ir tocar ás festas, de balde, co seu pai e os seus irmáns cando lles falta "un número" dos oficiais. Nos anos 50 nesta aldea da comarca do Carballiño (Ourense), en pleno franquismo, é impensable que unha muller cobre un salario por desenvolver unha actividade artística en público.
A promoción dunha educación non igualitaria con ferramentas como a "Guía de la buena esposa" da Sección Femenina, propias do ideario oficial da época, contribuían a difundir a idea da muller na casa, minusvalorada, submisa, abnegada, reprimida, apoucada e sometida ós desexos e necesidades de deus, da patria e do home, como reflexo dunha sociedade patriarcal e androcéntrica.
Malia que as mulleres na Galiza foran matriarcas, e moitas delas excelentes tanxedoras dos nosos instrumentos tradicionais (pandeiras, pandeiretas, adufes, tixolas, latas, voces, gaitas, tamboril...), feito que se reflite nos centos de recollidas de música tradicional ó longo de todo o país (lembranzas de fiadeiros, ruadas, esmorgas, repichocas e triscas espontáneas), non se conta con elas para seren contratadas nunha festa. Así, vívense traballos e artes ás agachadas, sen recoñecemento, tendo que demostrar o dobre e en segundo plano.
Nesta mesma comarca ourensá, a setembro de 2014 nos tempos da nova democradura ou dedocracia, a organización de festas da "Romaría da Saleta" quere contratar un grupo de música tradicional galega, mais cunha condición: "NON PODEN VIR TOCAR MULLERES PORQUE NON É TRADICIONAL", este acto retrógrado, aberrante, misóxino e discriminatorio por parte da organización vai en contra do dereito fundamental da igualdade entre as persoas, por iso non pode pasar desapercibido para as que acreditamos nunha sociedade para a coeducación, a corresponsabilidade e a liberdade de cada quen para se expresar, desenvolverse en todas as súas dimensións e atreverse a ser como queira ser, mantendo isto mesmo sen impedirllo ós demais.
Este acto de exclusión quere ser denunciado por este colectivo de mulleres músicas que acreditan na tradición galega como algo vivo en permanente transformación e non gostan das etiquetas, nin sequera da de xénero, que coma outras, se pode deconstruír. Tampouco habiamos calar se nos dixeran que non poden vir tocar persoas doutras partes do mundo, persoas con ollos azuis ...persoas...
A música TRANS-cende universos, buracos negros, abismos, fronteiras, galaxias por descubrir, e non imos deixar pasar as mentes limitadas que tiveron o poder de organizar esta festa con criterios de veto e exclusión, a música TRANS-cende a idea mesma de xénero como etiqueta difusa e deconstruíble. EU QUERO SER...GHAITEIRA!!!!!!!!!!!!