TREIXADURA esgotou as localidades do teatro do Centro Cultural Afundación (García Barbón) de Vigo nos dous concertos que ofreceu os pasados días 3 e 4 de outubro con motivo da gravación ao vivo do seu disco de 25 aniversario; concertos que tamén foron rexistrados en vídeo.
Nestes eventos especiais Treixadura repasou a súa carreira de 25 anos convidando para elo aos compañeiros que nalgún momento da súa historia formaron parte do grupo e, así mesmo, contaron coa colaboración especial da histórica coral Cantigas e Agarimos de Santiago.
O aforo completo do teatro recibiu a Treixadura cunha calorosa ovación. O público, completamente entregado, acompañou os cantos coas súas voces e as súas palmas, e amosou o seu agarimo desde os primeiros compases e durante todo o espectáculo de xeito crecente, peza a peza, con especial intensidade cando foron presentados o antigos compoñentes do grupo e igualmente cando fixo a súa aparición a coral Cantigas e Agarimos.
No remate do concerto, como xa é costume, todo o público en pé, con intensa emoción, acompañou ao grupo cantando Fisterra.
Este disco/dvd será presentado e posto a venda por primeira vez o día 19 de decembro no mesmo Teatro Afundación de Vigo, o día 20 no Auditorio Abanca (Preguntoiro) de Santiago e, posteriormente, noutras cidades de Galicia.
O novo disco será a base da súa xira de concertos de 25 aniversario para a tempada 2015.
Que Treixadura encha o Teatro García Barbón dous días consecutivos e un claro sinal de que a música tradicional de Galicia está moi viva e non só forma parte da nosa historia pasada senón tamén do noso presente e, sobre todo, do futuro do noso país.
Máis información de Treixadura en:
Web: http://www.treixadura.com/
Facebook: https://www.facebook.com/treixaduragalicia?fref=ts