MEU AMIGO MARTIM CODAX

MEU AMIGO é un proxecto musical colectivo e participado orientado a divulgar a nosa lírica medieval a través de duas propostas criativas nun xogo de espellos que se torna caleidoscópico cando se cruzan as cantigas de Martim Codax cos diferentes estilos e xéneros musicais antigos e contemporáneos: unha incursión na música medieval galego-portuguesa, un impulso criativo de sonoridades urbanas.

Sete cantigas medievais en clave de rock, folque, tango, pop, novo folque, metal extremo e contemporánea. O grupo de música antiga Ars Anterga interpreta o que hoxe entendemos serían as sonoridades músicais das cantigas medievais; contra a luz, as propostas e interpretacións contemporáneas nos respectivos xéneros e estilos de sete grupos musicais da cidade de Ourense: Bird Of Hermes Proyect, Burgas Beat, Chamuyo Tango, Colectivo Ar, María Mendoza, MCarballo e Os Amigos dos Músicos









Producción: DIFUSORA DE LETRAS, ARTES E IDEAS

Internet: www.difusora.org

Dirección editorial: Xavier Paz
Dirección musical: Ars Anterga


INTRO

A obra do xogral cantor do mar de Vigo Martim Codax elévase no corpus da lírica trobadoresca galego-portuguesa pola súa altísima sensibilidade poética e porque conservamos as notacións musicais que nos permiten aproximarnos con maior rigor e deleite á nosa lírica medieval.

O anuncio en 1914 do achado dun pergamiño desvelaba por primeira vez as melodías dunhas cantigas. A través do Pergamiño Vindel chegaron a nós as notacións musicais de seis das sete cantigas de Martim Codax, durante longo tempo único testemuño da música dos nosos trobadores até que en 1990 foi localizado na Torre do Tombo de Lisboa o Pergamiño Sharrer coas notacións das sete Cantigas de Amor do rei Dom Dinis de Portugal.



ELECCIÓN DE ESTILOS

Desde os inicios no estudo e interpretación da tradición medievalista das Cantigas de Amigo de Martim Codax, a Ars Anterga acompañounos a idea de ofrecer unha visión contemporánea, unha reinterpretación de cada unha das cantigas a partir de diferentes estilos musicais urbanos, tendo en conta as características melódico-rítmicas de cada cantiga e o sentido profundo que conservan.

“Ondas do mar de Vigo” pensámola nun estilo folque como forma de nos aproximar á nosa cultura. Sendo a melodía composta por un trobador galego e unha forma de nos introducir e situar na saudade da nosa terra, optamos pola música tradicional. Supón a presentación de todo o ciclo, onde a namorada se situa frente ao mar de Vigo, contemplando e ansiando a chegada do amigo/namorado.

“Mandad’hei comigo” pensámola en clave de rock como forma máis adecuada para expresar o carácter de profunda alegría, case euforia -que se expresa realmente ben musical e textualmente- motivada pola noticia que recibe a namorada do regreso do amigo/namorado.

“Mia irmana fremosa” encerra sentimentos contraditorios. É a esperanza e a enorme melancolía que experimenta a namorada e que se resolveu cun estilo ecléctico e pouco definíbel, na onda dun novo folque.

“Ai Deus, se sab’ora meu amigo” expresa a axitación, a ansiedade e o desasosego da namorada. Pola sua liberdade rítmica e melódica cabían diferentes xéneros, polo cal tivemos a oportunidade de adaptala a un estilo de tango contemporáneo.

“Quantas sabedes amar amigo” é a cantiga máis clara ritmicamente falando. O pop permitiunos manifestar o carácter alegre e descontraído que transmite o sentimento da namorada imaxinándose reunida co amigo/namorado, desfrutando do seu amor nas ondas do mar de Vigo.

“Eno sagrado, em Vigo” é a única das cantigas da cal non conservamos a melodía, portanto permitiu a total liberdade da compositora contemporánea conforme ela sentiu o que expresa a cantiga.

“Ai ondas que eu vim veer” transmite a total e profunda desesperanza e tristeza da namorada frente ao mar. Optamos por un estilo de rock obscuro e desasosegante como forma máis adecuada de expresar estes sentimentos.

COMENTARIOS ARS ANTERGA


Ondas do mar de Vigo
Ilduara: voz.
Irma: flauta de bico e ondas do mar.
Juan Manuel: oude.

Acompañamos esta cantiga con oude e flauta de bico de tres buratos con base en sol, por tratarse do rexistro idóneo para a primeira e polo ben que empastaron estes instrumentos entre si desde as primeiras notas que tocamos xuntos. Queríamos que a cantiga tivese un carácter melancólico que potenciamos cos dous instrumentos. Alén diso, o oude deu un óptimo resultado para lle conferir un carácter arabizante -como poñen de manifesto algúns estudos sobre música profana medieval da península ibérica- en contraposición á tendencia baseada na teoría dos modos gregorianos.

Mandad'hei comigo
Ilduara: voz.
Irma: flauta de bico.
Juan Manuel: salterio e percusión.

O carácter alegre, claramente rítmico, desta cantiga, levounos a utilizar o salterio como base -pola claridade do seu son incisivo- e a flauta de tres buratos para podermos xogar co cambio de rexistro cara ao agudo da última parte.

Mia irmana fremosa, treides comigo
Ilduara: voz.
Irma: salterio.
Juan Manuel: alaúde medieval de catro ordes.

Estes dous instrumentos de corda pulsada teñen un empaste sonoro marabilloso. A súa riqueza en posibilidades dinámicas aproveitámolas para dobrar a voz co alaúde, dándolle un toque grave e pausado e creando un sinxelo contrapunto no refrán. Utilizando o salterio de modo máis improvisado a cantiga elevouse a unha atmosfera onírica e contemplativa.

Ai Deus, se sab'ora meu amigo
Ilduara: voz.
Irma: organistrvm.
Juan Manuel: oude.

Na cantiga máis desafiante -onde se manifesta a coraxe pola non chegada do amigo/namorado- quixemos potenciar o son do oude nunha posición do mastro suxa e escura, elevado pola presenza na segunda metade do son grave, áspero e indefinido do organistrvm. Sen dúbida, foi a cantiga máis difícil de empastar, á que máis voltas demos e máis incómodos nos fixo sentir no estudio de gravación. Mais foi iso mesmo que reforzou o carácter que queríamos darlle nun principio e que cremos ter conseguido.

Quantas sabedes amar amigo
Ilduara: voz e percusión.
Irma: órgao portativo.
Juan Manuel: percusión.

Outra cantiga rítmica e de carácter alegre que ainda quixemos potenciar co emprego dunha percusión moi marcada e do órgao portativo, que se caracteriza polo seu rexistro claro, limpo e por unha axilidade de execución que potencia o ambiente xeral da composición. Gravaramos esta cantiga nun traballo anterior, mais desta vez quixemos probar algunhas ideas novas que cremos que a melloran.

Eno sagrado, em Vigo
Ilduara: voz.
Irma: organistrvm.
Juan Manuel: oude.

Trátase da única cantiga da que non conservamos notación musical. Facendo uso da técnica do contrafactvm, mesturamos motivos melódicos das cantigas I e V co uso do oude para afianzar o carácter arabizante que quixemos tivese a nosa versión da cantiga. Apoiado polo son grave, denso e continuo do organistrvm, ábrese unha atmosfera diferente á das melodías das cantigas de que proceden.

Ai ondas que eu vim veer
Ilduara: voz.
Irma: ondas do mar.

Sendo a voz era o único que se escribía en música nas cantigas medievais finalizamos co seu protagonismo, acompañada apenas polas ondas do mar, reafirmando a soidade, a asumida tristeza que desprende a derradeira cantiga do ciclo.


COMENTARIOS 7 GRUPOS

Ondas do mar de Vigo
COLECTIVO AR

Na transformación e arranxo folque-electrónico da máis coñecida das cantigas, quixemos elevar o seu carácter melancólico optando por un toque máis suave e escuro para a primeira parte da peza dando paso a unha variación a ritmo de muiñeira, expresión da esperanza que manifesta a cantiga.

Mandad'hei comigo
MCARBALLO
Acompañamos a cantiga baseándonos nun ostinato rítmico común na música antiga para as estrofes, combinado cunha sonoridade rítmica e harmónica de rhythm&blues para os refráns.

Mia irmana fremosa, treides comigo
OS AMIGOS DOS MÚSICOS
A partir da melodía orixinal da cantiga de Martim Codax montamos un arranxo que acabou dando esta canción en dous tempos que dan conta da tensión que transmite un texto que fala dunha chegada, mais tamén da espera que a precede. Tentamos mostrar esa tensión co diálogo entre a guitarra acústica e a percusión, que son os instrumentos que conducen a canción e sustentan o traballo das voces.

Ai Deus, se sab'ora meu amigo
CHAMUYO TANGO
A escolla da voz de Sheila Patricia foi propositada e decisiva para evocar o lamento da namorada após a ausencia do amigo/namorado. O piano exerce un papel importante -rítmico e marcado- evocando a ansia por velo. Coa presenza de unha segunda voz masculina, tentamos intensificar o seu significado. O resultado é unha cantiga dramática que ao versionala como tango adquire ainda mais forza.

Quantas sabedes amar amigo
BURGAS BEAT
Non estamos tan lonxe daquel cantautor que hai oito séculos facía -como nós- cancións na costa oeste galega. Desafiados por non deixar de ser fieis a nós propios e por non traizoar demasiado o orixinal, a nosa versión resultou sobria, sen excesos, acrescentando un par de acordes máis, mantendo a melodía orixinal dentro das nosas posibilidades e acentuando o carácter circular e repetitivo -case obsesivo- da cantiga.

Eno sagrado, em Vigo
MARÍA MENDOZA
Unha muller que espera. Un ambiente, un sentimento. Soidade, esperanza, tristeza, esperanza, anseio. Iso mesmo tenta transmitir a música e a elección de instrumentos: un piano, despido, en linguaxe arcaica -á maneira neomodal de Debussy- sintetizadores que deseñan a paisaxe abatida e abandonada con percusións sutís e detallistas que acaban de perfilar a ambientación.

Ai ondas que eu vim veer
BIRD OF HERMES PROYECT
Pola desesperanza e tristeza que provoca esta cantiga, o punto de partida foi a música dos grupos británicos de doom metal de principios de noventa. O resultado é un tema lento e atmosférico que nos permitiu traballar ámbitos non explorados. Polo carácter estático da cantiga a nivel rítmico e melódico, partimos da súa escala principal e baseamos a versión nese ámbito pasado a modo menor, traballando unha harmonización que creara novas liñas a partir da melodía orixinal. Nesta versión hai moito material novo producido polos motivos melódicos da cantiga pois non tiñamos outra intención que dinamizar a atmosfera da composición con toques de metal ao modo da “vella escola”.

TEXTOS HISTÓRICOS

As Cantigas

As cantigas galego-portuguesas foron producidas durante un período de cerca de 150 anos, xenericamente de finais do século XII a meados do século XIV. A área xeográfica e cultural onde se desenvolveu a arte trovadoresca galego-portuguesa corresponde aos reinos de Galiza e Portugal, con trovadores procedentes de outros reinos peninsulares e ainda europeos.
Están recollidas en tres grandes cancioneiros: o Cancioneiro da Ajuda –de finais do século XIII- o Cancioneiro da Biblioteca Nacional e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana –copias ambas de finais do século XV- que nos legaron 1680 cantigas profanas ou de corte da autoria de 187 trovadores e xograis.
Os tres xéneros principais da lírica galego-portuguesa son a Cantiga de Amor (en voz masculina), a Cantiga de Amigo (en voz feminina) e a Cantiga de Escarnio e Maldizer (cantiga satírica). Trovadores e xograis cultivaban máis esporadicamente outros xéneros como a tenção (desputa dialogada), o pranto (lamento pola morte de alguén), o lai (materia de Bretaña) ou a pastorela (narrativa de encontro entre trovador e pastora). As Cantigas de Santa María atribuídas ao rei Alfonso X son tamén da mesma época e ainda que están escritas en lingua galego-portuguesa, pertencen a unha tradición musical diferente. No total, son 420 cantigas relixiosas de louvor á Virxe María e de narración dos seus milagres.

As Cantigas de Amigo

A lírica galego-portuguesa confronta dous tipos de poesía: as Cantigas Amigo, cancións de mulleres, e as Cantigas de Amor, onde a voz que canta é masculina. Entre as primeiras, podemos distinguir o subxénero das Cantigas de Amigo paralelísticas que envolven un mundo poético e unha cosmovisión de raíces milenares baseadas nunha concepción máxica da natureza que as caracteriza como tipicamente femininas.
Das quiñentas Cantigas de Amigo conservadas, apenas un cento son de tipo paralelístico. Trátase dun canto colectivo de traballo e divertimento en que as mulleres se desafiaban mediante cancións dialogadas improvisadas. O nome ven das duas estrofes paralelas que as caracterizan: despois de cada estrofe, todo o grupo de mulleres cantaba o refrán tradicional da melodía escollida pola primeira muller desafiadora, un xogo de poesía dialogada que podía durar horas nunha roda de voces, versos, rimas, melodías e imaxes.
Se a poesía escrita moderna procura a palabra certa e correta para ser lida en silencio, as Cantigas de Amigo procuran o ritmo certo e correto, que se modela para ser cantado, adaptando a melodía ás palabras na procura dese ritmo
O tema é o desexo feminino amoroso, erótico e sexual asociados ao renacer da natureza. A forza deste desexo maniféstase a través de versos e imaxes que só se poden satisfacer no encontro co amigo/namorado: cantos asociados á vida dunha muller alegre, feliz e consciente de si propia e dos seus actos.

As autorías das Cantigas

O concepto moderno de autor é limitado e non permite compreender a realidade da vida literaria medieval. As autorías que comezan a nacer na Idade Media son individualidades artísticas, literarias, case descoñecidas, que van aparecendo entre homes de clase alta, autodefinidos como heróis guerreiros en tempos de tránsito da era da terra á era señorial e coa necesidade de se autoafirmarem doutra maneira, neste caso como intelectuais e artistas/poetas.
As teorías modernas sobre oralidade e escrita non sustentan que a autoría das cantigas medievais poda ser atribuída a poetas masculinos sen excepción nengunha. Esta atribución exclusivamente masculina é extraña pois nas literaturas europeas medievais maniféstanse autorías de mulleres como acontece na lírica provenzal na cal aparecen vinte voces femininas e un conxunto de catrocentos trovadores homes.
Nas tradicións orais en linguas vernáculas, a lírica era xeralmente composta e cantada polas mulleres, ao paso que a épica pertencía ao mundo dos homes. Cabe pensar con fundamento que as Cantigas de Amigo foron compostas e cantadas por mulleres e por isto teñen características tan marcadamente femininas e tan diferentes da poesía cortés, masculina.
Entre os intérpretes encontraríanse os xograis, que incorporaban ao seu repertorio cancións de diferentes tipos, xéneros e procedencias. Sabemos polos documentos dos concilios da igrexa católica que sobre os xograis pesaron condenas por cantaren cancións de muller con voces afeminadas e por repertorios que imitaban cancións de autoría feminina.

Trovadores e xograis

A designación de trovador aparece na Provenza na primeira metade do século XII para apelidar poetas e compositores que tiñan introducido nas cortes cancións predominantemente amorosas en que sobresaía unha nova imaxe da mulher. A asimilación galego-portuguesa do termo apareceu xa nos primeiros compositores coincidentemente coa implantación da lírica trovadoresca.
O trovador -nobre- exercitaba a poesía e a música por pura distracción e recreo e para se distinguir. As composicións do trovador eran executadas por un xogral, mais esta distinción nen era esencial pois houbo xograis que foron autores e trovadores que tamén foron intérpretes.
O trovador era esencialmente un poeta que escribía versos e lles compoñía música para seren interpretados de corte en corte. A sua poesía era xeralmente divulgada polos xograis en círculos sociais fechados. Os xograis dominaban diferentes artes en parte propias dos artistas de circo de hoxe en día e a súa actividade consistía en recrear un público combinando xogos, acompañamentos musicais, interpretacións de composicións propias ou alleas, declamacións de narrativas épicas, animaba a folganza da plebe e até era elemento de ornamento nas festas dos palacios. Revélase como un elemento de grande importancia en canto medio de transmisión cultural, nun contexto en que prima o peso da oralidade sobre a escrita no ocidente medieval.
O xogral era portanto un profisional sen outras fontes de rendimento que o seu traballo de artista. A partir de meados do século XIV co fin da cultura trovadoresca e o desenvolvimento da narrativa en prosa, o xogral -agora designado menestrel- foi reconducido a funcións estritamente musicais.

Martim Codax

Martim Codax é un autor privilexiado pola atención constante que provoca a súa obra e sen dúbida é o máis estudado, publicado e gravado dos poetas galego-portugueses medievais. A pesar disto, nada concreto sabemos da súa biografía, como non sabemos da maioría dos trovadores e xograis. Martim Codax resulta ser un dos trovadores mais enigmáticos pois nen sequer compreendemos nen identificamos o seu apelido. Continuamos sen saber nada sobre a su personalidade, non podemos precisar case nada da súa cronoloxía e persisten dúbidas sobre o seu apelido, do que parece excluirse a hipótese de ter estatuto social elevado. Provabelmente estivo activo a meados ou avanzado o século XIII e trataríase dun xogral vinculado ás terras próximas a Vigo, topónimo que repetidamente aparece nas súas cantigas. As composicións de Martim Codax aparecen recollidas no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e no Cancioneiro da Vaticana, mais tamén se conservan nun manuscrito individual -o Pergamiño Vindel- en que as cantigas figuran acompañadas das respectivas notacións musicais.

A Lingua das Cantigas

As fronteiras políticas que se foran deseñando avanzado o século XII e que conduciran á formación dun reino portugués independente ao sul, non exerceran influencia sobre a unidade linguística e cultural da vella Gallaecia. O período entre estes séculos constitue a época áurea do galego-portugués. A partir de finais do século XII a lingua falada tórnase lingua literaria por excelencia, atinxindo a súa expresión mais notábel nunha lírica que nos legou un conxunto alargado de trovadores e xograis que manifestan unha unidade non só linguístico-cultural mais unha homoxeneidade estilística, retórica, métrica ou musical reflexo da unidade política e cultural da Gallaecia.

Os Manuscritos


Coñecemos as cantigas galego-portuguesas a través de tres manuscritos. O máis antigo -de inícios do século XIV- é o Cancioneiro da Ajuda, rico manuscrito iluminado que contén 310 composicións, na súa maioría do xénero da Cantiga de Amor. Fora descoberto na biblioteca do Colégio dos Nobres a principios do século XIX e hoxe é gardado en Lisboa no Palácio da Ajuda.
Dos outros dous manuscritos, un é coñecido como Cancioneiro da Biblioteca Nacional ou Cancioneiro Colocci-Brancuti, é o mais completo e gárdase en Lisboa, e o outro é o Cancioneiro da Vaticana, gardado na Biblioteca Apostólica Vaticana.
Son manuscritos copiados na Italia das primeiras décadas do século XVI a partir dun outro cancioneiro anterior desaparecido. Chegaron ainda até nós algunhas follas volantes con cantigas, duas delas importantes por incluiren notacións musicais das cantigas de Martim Codax e do rei Dom Dinis respectivamente, o Pergamiño Vindel e o Pergamiño Sharrer.

O Pergamiño Vindel

O pergamiño dado a coñecer en 1914 polo libreiro madrileno Pedro Vindel contendo sete cantigas de Martim Codax -seis con notación musical- foi un dos acontecimentos que máis marcaron o proceso de recuperación da lírica medieval galega-portuguesa. Este achado permitiunos ouvir o son das cantigas trovadorescas por primeira vez. Trátase dunha folla de pergamiño dobrada pola metade que servía de forro nos interiores das capas dun manuscrito que contiña De Officiis de Cícero encadernado nos séculos XVII-XVIII.
O tamaño é 34 x 45 cm e está escrito por unha única face, a catro colunas, con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente. A primeira coluna contén 5 pentagramas, 6 a segunda, 6 a terceira e 4 a cuarta. O texto foi escrito en tinta negra e os pentagramas en vermella. As iniciais están ornamentadas en azul e vermello e na reprodución nótase a intervención de varias copistas. O documento contén as cantigas acompañadas das respectivas notacións musicais, salvo da sexta composición, na cal apenas aparece a pauta sen notacións. A música das cantigas está escrita en notación cadrada.
A referencia do pergamiño perdeuse pouco depois de ser descoberto. Xulgándose perdido durante anos, fora adquirido polo diplomáta e musicólogo Rafael Mitjana, quen o depositou na súa biblioteca de Uppsala. A biblioteca foi vendida polos seus herdeiros e o pergamiño foi comprado pola J. Pierpont Morgan Library de Nova Iorque, onde se conserva desde 1977.
A descoberta do pergamiño confirmou a hipótese da existencia de follas volantes ou libros co texto e a música das poesías trovadorescas..

BIO GRUPOS


ARS ANTERGA


Ilduara Perianes Guitián: voz e percusión.
Irma Fernández Alonso: órgao portativo, flauta de bico, salterio, organistrvm e percusión.
Juan Manuel Vázquez: oúde, alaúde medieval de catro ordes, salterio e percusión.

Desde 2010 Ars Anterga traballa na procura e interpretación de repertorios antigos abordados con frescura, con proximidade, para todos os públicos e cunha clara intencionalidade didáctica.

Ilduara formouse no campo da música clásica nas especialidades de violino e canto. Estudou nos conservatorios de Ourense e Oviedo e ampliou a súa formación de canto con Helmut Lips, na Staatliche Hochschule für Musik de Estugarda. Iniciouse na música antiga coa Capela Madrigalista de Ourense, ampliando formación en música medieval con José Pizarro e Mauricio Molina e en música barroca con Cristina Miatello. Participou como solista na Acadèmia del Festival de Música Antiga dels Pirineus 2014. Na actualidade canta no Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia -onde tamén intervén como solista- e dirixe o Coro de Voces Brancas do Orfeón Unión Ourensana. Profesora de Música no ensino secundario.

Irma realizou a súa formación pianística nos conservatorios de Ourense e Vigo con María José Cid e Nicasio Gradaille respectivamente e na Escola Luthier d'Arts Musicals de Barcelona con Ludovica Mosca. Completou formación con cursos de música antiga, danza histórica e instrumentos históricos de tecla. Estudou órgao no Conservatorio de Ourense con Soledad Mendive e cémbalo con Alicia Alcayna. Na actualidade acompaña agrupacións corais da cidade de Ourense, nomeadamente a Coral de Ruada. É organista do Santuario de Fátima de Ourense e realiza ocasionalmente concertos didácticos de órgao. Desde 2003 é profesora de música no IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova.

Juan Manuel formouse como guitarrista nos conservatorios de Ourense con Raúl Nilo Rodríguez, Ánxela Ferreiro e Marcos Díaz e Vigo con Tomás Camacho. Estudou tiorba en Barcelona con Xabier Coll. Completou formación en música antiga con Amandine Beyer, Chiao-Pin Kuo, Antoine Torunczyck e Jesús Gonzalo. Alterna a docencia musical no IES Lama das Quendas de Chantada con diversos proxectos artísticos e musicais desde a música antiga até ao metal extremo.

Ars Anterga realizou os seus primeiros recitais en Malta e Portugal a través do programa Oralities e desenvolve unha ampla actividade de concertos polo norte da península. En 2012 gravaron unha primeira mostra da súa música que incluíu "Cantiga V" das Cantigas de Santa María de Alfonso X, "Quantas sabedes amar amigo" de Martim Codax e o anónimo sefardita "Triste está el Rey David".

ARS ANTERGA na rede
arsanterga.wordpress.com
facebook.com/arsanterga



COLECTIVO AR

Manu Gómez: voz solista, coros e percusións.
Rafa Ullán: bases electrónicas.
7 FERREÑAS
Paula González Domínguez: coros.
Cristina Álvarez Díaz: coros.
Celina Fernández Arias: coros.
Elena González Domínguez: gaitas.
Lucía González Domínguez: percusións.
Arranxos: Manu Gómez, Rafa Ullán, Elena González e Lucía González.
Manuel Gómez Alonso


Ourense, 1985. Implicado na música tradicional desde 1989 como pandereteiro e bailarín n'Os Chanquiños de Cartelle e na Agrupación de Danzas Solpor de Celanova. Foi membro da Real Banda de Gaitas de Ourense e actulamente componente da Banda de Gaitas da Carballeira. Profesor de danza, percusión, canto e pandeireta. Premio do certame de percusión Mellor tambor tenor solista en 2001. Ten colaborado con María do Ceo, Carlos Núñez, Cristina Pato, Hevia, Lamatumbá e Os PerQtores. Vinculado laboralmente ao Café Cultural Auriense

Rafael Ullán del Río
Ourense, 1977. Músico autodidacta. Tocou en Guezos –coa que gravou Terra Adentro- The Dolls e Lamatumbá -coa que gravou -Paraugas Universal e A Órbita da Banda Hipnótica-. Co grupo Bad Busted Cream foi gañador do concurso de artistas noveis no festival XII Derrame Rock e co proxecto Gecko gañou o concurso da Radio Galega Vas sacar nota. Fai parte do proxecto musical Tandub e traballa na banda sonora da versión audio do libro Os fillos do mar de Pedro Feijoo. Técnico en gravación dixital. Vinculado laboralmente ao Café Cultural Auriense.

7 FERREÑAS

Cantareiras dirixidas por Manu Gómez e vinculadas á Banda de Gaitas da Carballeira coa que gravaron o disco Sen máis. En 2009 foron recoñecidas co primeiro premio do IV Trofeo de Pandereteiras en Manzaneda. En 2011 e 2012 colaboraron no proxecto discográfico El Cuerpo del Ritmo cos temas “Lleva dos y paga dos” e “Leale”.

Cristina Álvarez Díaz
Caracas, 1983. Gaiteira pola Escola de Gaitas da Deputación de Ourense e da Real Banda de Gaitas. Foi componente coa da Banda Nova Fronteira&Cartelle e membro do grupo de cantareiras, coas que gravou Un Indio en Venecia. Profesora de Gaita.

Celina Fernández Arias
París 1984. Gaiteira pola Escola de Gaitas da Deputación de Ourense, participou na Real Banda de Gaitas e no seu grupo de cantareiras, coa que gravou Concerto no Teatro Avenida de Bos Aires e Festa Celta.

Elena González Domínguez
Ourense, 1982. Diplomada en maxisterio musical. Estudos de percusión  tradicional. Grao profesional de piano polo Conservatorio de Vigo. Grado Profesional de Gaita no Conservatorio Mayeusis de Vigo. Profesora de música no ensino infantil.

Lucía González Domínguez
Ourense, 1987. Licenciada en tradución e interpretación. Estudos de percusión  tradicional Grao profesional de piano polo Conservatorio de Vigo. Profesora na escola de música do Colexio Guillelme Brown en Ourense.

Paula González Domínguez
Ourense, 1987. Estudos de percusión  pradicional. Grao profesional de violino polo Conservatorio Mayeusis de Vigo. Profesora da escola de música do Colexio Guillelme Brown en Ourense.

Elena, Lucía, Paula e Celina foron componentes da Banda de Gaitas Augas de Xuntanza coa que gravaron o disco O compás dos ríos sempre adiante e gañaron o concurso Con música propia. Participaron na Breizh Parade (París, 2007) e no Gouelioù Etrekeltiek An Oriant – Festival Intercéltico de L´Orient (1996).

COLECTIVO AR na rede
facebook.com/pages/7-Ferre%C3%B1as/1503651209898296



MCARBALLO


Manuel Carballo: guitarras e voz.
David Outumuro: batería.
Efrén Nóvoa: baixo.
Marcos Vázquez: percusións.








Manuel Carballo
Ourense, 1967. Como guitarrista comezou actuando a meados do 86 en pequenos locais dando forma á súa traxectoria musical. Tras varias formacións percorreu diferentes estilos tocando por España, Portugal e Francia con músicos como Cristina Pato ou Magín Blanco. En 2007 publicou o seu primeiro disco con cancións de intenso sabor folque norteamericano, disco do que a canción "Sunday" alcanzou o topo en Radio Texas (USA). É a partir de 2013 que consolida a banda con David Outumuro, profesor de percusión no Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra e baterista de Eladio y los Seres Queridos.

DISCOGRAFÍA
On your pillow, Zouma Records, 2007.
You knew it, Zouma Records, 2011.
Mediados de abril, Dubidá, 2013

MCARBALLO na rede
macarballo.com
facebook.com/MCarballoBand
facebook.com/davidoutumuro?fref=ts



OS AMIGOS DOS MÚSICOS


Jaime Mateo: percusións, batería e voz.
Arcadio Nóvoa: guitarra acústica e voz.
Raúl Diz: guitarras eléctricas e voz.
Daniel Alonso: New Orleans Voodoo.
Druso Pedrouzo: teclados.
Septi: baixo.

Inicialmente conformados para acompañar ao vivo a O Neno Elliott, Os Amigos dos Músicos fóronse convertendo en grupo estábel animados pola oportunidade que lles brindou musicar e gravar o poema “A Orquestra Filarmónica de Osaka” no proxecto Musicando Carvalho Calero, circunstancia que marcou a dinámica do grupo e a opción do galego como idioma da banda. Pudemos velos e escoitalos na Romaría Pop de Compostela, no Mercado da Estrela, no ciclo Terrazeando de Desconcierto Cultural, no aniversario de Disquecool do Liceo Mutante de Pontevedra, no Café&Pop Torgal de Ourense, no festival de danza Corpo(a)Terra e abrindo concertos de Manel e Grupo de Expertos Solynieve. Participantes no festival virtual Couch By Couchwest coa canción “Todo Medre”, no disco Doutor Apertas. Tributo a Magín Blanco coa canción "Meu Único Amigo" e coa canción “Esa Hora Chegará” no disco Desconcierto Cultural editado o Record Store Day Galicia, ben como no vídeo para o Ukelele Kit Project. Os componentes do grupo fan parte de outras bandas como Annie Hall, O Sonoro Maxín, Haecceidad, Orquesta Pánico, Niño y Pistola, Blood Filloas ou Boy Elliott and the Plastic Bags.

OS AMIGOS DOS MÚSICOS na rede
facebook.com/pages/Os-Amigos-dos-M%C3%BAsicos/146745668764243?fref=ts
osamigosdosmusicos.bandcamp.com
twitter.com/oadosm



CHAMUYO TANGO


María Domínguez: piano.
Sheila Patricia: voz.
Ricardo Coronel: voz.
Adrián Saavedra: composición e arranxos.

No ano 1990 chega a Galiza procedente do barrio de La Balbenera en Buenos Aires o cantante de tangos Ricardo Coronel. Criado en pleno corazón de Buenos Aires e grazas á influencia do seu avó, pasou a súa infancia escoitando os grandes intérpretes clásicos do tango. En 2005 xuntouse co músico Negro Ricardo Ramos co soño de formar un grupo de tango clásico e constituiron Chamuyo Tango, recuperando o vocábulo lunfardo que na xiria dos ladróns bonaerenses tiña diversos significados: conversación, discurso... inclusive facer as beiras. A estrea de Chamuyo Tango producíuse no Café Cultural Auriense. Deixando atrás a primeira formación como dúo, incorporáronse ao grupo o guitarrista Esteban Muñíz e o violinista Carlos Campos. Con esta formación gravaron o disco "Chamuyo Tango" -coa participación de Blas Segura e Javier Taboada nas guitarras- traballo apresentado no Auditorio de Ourense coa colaboración de Xurxo Brea no contrabaixo, David Outomuro na percusión e Carlos Rafael no recitado de textos sobre a hist oria do tango na Arxentina. O disco recolle temas clásicos da Guardia Vieja das décadas de 40 e 50. Chamuyo Tango regresa despois de dous anos coa incorpación da pianista ourensana María Domínguez Pérez e a voz da cantante de orixe arxentina Sheila Patricia para este proxecto.

MARÍA DOMÍNGUEZ PÉREZ
Ourense, 1991. Estudou piano e canto lírico no Conservatorio de Ourense, continuando no Conservatorio da Coruña coa dirección de Ricardo Blanco. Finalista en 2013 no Peter de Grote Festival en Groninga. Pianista versátil con formación en música contemporánea, moderna e música popular arxentina, fai parte dos grupos Ensemble IXOR e Chamuyo Tango. A sua carreira pianística é paralela ao seu labor como profesora de piano clásico desde 2010. Foille concedida unha bolsa para finalizar os estudos de piano no Conservatorio de Maastricht con Katia Veekmans.

SHEILA PATRICIA
Redondela, 1988. Con 14 anos comezou a compor temas e a levar as súas cancións polos escenarios galegos. Con 16 gravou unha primeira maqueta na Havana, onde residiu recibindo a riqueza dos músicos caribeños. Continua actuando na Arxentina, Cuba, Madrid, Asturias e Galiza e recibiu formación en canto, flauta transversal e guitarra moderna. Traballa con diferentes grupos interpretando soul, bossanova, fado e música tradicional galega. Como cantautora transita por músicas que conducen do fado até á zamba arxentina e temas propios. Está a preparar a edición do seu primeiro disco El camino de los sueños.

ADRIÁN SAAVEDRA
Pontevedra, 1987. Licenciado en composición pola Escola Superior de Música de Catalunya. Graduado en piano polo Conservatorio Manuel Quiroga. Estuda análise e composición de música de cinema, piano jazz, produción musical, composición de jazz/ música moderna e creación actual. En 2010/11 fai parte do grupo residente do Seminario de Música Moderna e Improvisación de Monforte de Lemos. Participa en Rastrexos Project, grupo residente no Festival Internacional de Percusión 2012. Estrea no Palacio da Ópera da Coruña a Kallah Pallah con Odaiko Percussion Group e a Banda da Coruña. Participa no disco de Odaiko "Galician on Board" como compositor e produtor. En 2012, The Rock Band Show, DVD gravado no Pazo da Cultura de Pontevedra. Compositor-pianista de Nuevo Contemporáneo.

DISCOGRAFÍA
Chamuyo Tango en Auria, 2009.

CHAMUYO TANGO na rede
facebook.com/pages/ChamuyoTango/736892296358712
sheilapatricia.es
facebook.com/ssheilapatricia Twitter: @sheilapgb
facebook.com/pages/Mar%C3%ADa-Dom%C3%ADnguez/1526747577563873
adriansaavedra.com



BURGAS BEAT


Aser Álvarez: batería.
Antonio Rodríguez "Amadis": baixo.
Javier Doforno: guitarra.
Carlos Rego: guitarra, guitarra acústica e voz.
Francisco Vázquez: teclado.

Doce anos despois os Cosecha Roja decidiron en 2002 iniciar unha nova etapa incorporando un novo membro para refinar a súa visión do rock. Escolleron o novo nome Burgas Beat como marca de orixe.
Comezaron publicando unha canción con mais dezanove bandas do Estado no disco de homenaxe ao desaparecido grupo granadino 091 co título Canciones de cuna y de rabia. A súa versión dunha canción dos Feelies apareceu nun outro disco colectivo editado pola revista barcelonesa, Le Touriste, homenaxeando a Nueva ola. Participantes no 5º aniversario do máis idiosincrático festival musical galego, o inefábel Felipop. No CD conmemorativo de tal data viu a luz en versión maqueta, unha canción que na súa forma definitiva aparecería n o CD Ni una sombra en el horizonte, saudado nalgúns medios como un dos mellores discos estatais de 2005. En 2008 publican Clic con Magín Blanco, recibido como un dos mellores discos galegos do ano e merecedores das mellores reseñas na crítica musical estatal. En 2009 poñen música a textos da novela A Esmorga de Eduardo Blanco Amor no proxecto participado EBA 5.0 - O universo de Eduardo Blanco Amor 50 anos despois d´A Esmorga. En 2012 publican Todo lo que vamos dejando detrás, editado en vinilo no Record Store Day de 2014.

DISCOGRAFÍA
“Para impresionarte” en Canciones de cuna y de rabia - Homenaje a 091, Criminal Records, 2002.
“The high road” en Le Touriste rebusca en el cajón de la Nueva Ola, Le Touriste, 2003.
“Harto” en Felipop 5º Aniversario, Felipop, 2004.
Ni una sombra en el horizonte, Rock Indiana, 2005.
Clic, PAI Música, 2008.
“Chove, chove, chove”, en EBA 5.0, Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2009.
Todo lo que vamos dejando detrás, Rock Indiana, 2014.

BURGAS BEAT na rede
burgasbeat.blogspot.com
facebook.com/burgasbeat
burgasbeat.bandcamp.com
twitter.com/burgasbeat



MARÍA MENDOZA

María Mendoza: piano, sintetizadores e voz.
Marcos Vázquez: percusións.

MARÍA MENDOZA

Oviedo, 1975. Pianista, compositora e docente. Titulada superior en piano, música de cámara, solfexo, repentización e transporte polo Músika Kontserbatorioa de Bilbao e licenciada en belas artes pola Euskal Herriko Unibertsitatea. No ano 2002 trasladouse a Galiza para estudar composición no Conservatorio de Vigo, onde foi profesora desta especialidade durante seis anos. Actualmente é profesora de composición no Conservatorio de Ourense. Como pianista clásica deu concertos por Euskadi e Galiza como solista, como pianista acompañante e en agrupacións de cámara. Teclista e colaboradora en grupos como Kresala, Marylynn, Avelaíña, Doble Morgan, Mr. Magoo, MCarballo, Madame Putufuá et Monsieur Quelquechose, The Tetas' Van e Gil & Mendoza.
Compositora da música da serie Caracol e Caracola e das curtas de animación da serie Contos do Camiño de OQO Filmes, entre elas as gañadoras do premio especial do xuri no Festival Brasil Stop Motion 2011, emitidos en televisións de Galiza, Portugal, Finlandia, Arxentina e Turquía. Varias das súas obras contemporáneas foron publicadas por Periferia Sheet Music, Música Neo e pola Xunta de Galicia. Secretaria desde 2012 da Asociación Galega de Compositores.

Marcos Vázquez
Ourense, 1971. Titulado en percusión polo Conservatorio de Vigo e en jazz polo Conservatorio de Birmingham. Profesor de percusión no Conservatorio de Ourense. Baterista e percusionista en diferentes proxectos musicais con Os Resentidos, Los Cambiantes, Os Irmandiños, Luz de Sombra, Carlos Núñez, O Sonoro Maxín, Psyquence, The Songspectors, Cinnamon Gum, MCarballo, A Filatrónica do Doutor Anchoa, 2US, Animales Domésticos e Regatta de Blanc.

MARÍA MENDOZA na rede
youtube.com/channel/UCcRNfOgz1Q9eEh_TBusIaDg



BIRD OF HERMES PROYECT

Jorge Fernández Taboada: guitarras, baixo e programación de batería.

Ourense, 1975. Estudou de piano nos conservatorios de Ourense e Vigo. Amplíou estudos en Barcelona na Escola d'Arts Musicals Luthier. Desde 2003 é profesor de piano no Conservatorio de Ourense, exercendo como repertorista na especialidade de canto. Paralelamente á formación clásica ten unha alargada traxectoria coas vertentes máis extremas da música en Galiza coas bandas Suffer Age e Scent of Death, formación coa que ten gravados tres discos. Desde 2013 fai parte da banda de doom psicodélico Octawitch.




DISCOGRAFÍA Scent Of Death
Entangled In Hate, Autoprodución, 2002.
Woven in the Book of Hate, Bloody Productions, 2005.
Of Martyrs´s Agony and Hate, Pathologically Explicit Recordings, 2013.

DISCOGRAFÍA Octawitch
The Witch 16:16, Autoproducción, 2013,

BIRD OF HERMES PROYECT na rede
scentofdeath.bandcamp.com/
reverbnation.com/scentofdeathmetal
soundcloud.com/scent-of-death
scentofdeath.bigcartel.com/
facebook.com/scentofdeathmetal
www.youtube.com/user/deathfromourense



GRUPOS, TEMAS, TEMPOS

6'44'' ARS ANTERGA Ondas do mar de Vigo COLECTIVO AR 4'37''
2'44'' ARS ANTERGA Mandad'hei comigo MCARBALLO 3'39''
4'43'' ARS ANTERGA Mia irmana fremosa, treides comigo OS AMIGOS DOS MÚSICOS 3'33''
2'30'' ARS ANTERGA Ai Deus, se sab'ora meu amigo CHAMUYO TANGO 2'46''
1'48'' ARS ANTERGA Quantas sabedes amar amigo BURGAS BEAT 4'04''
1'41'' ARS ANTERGA Eno sagrado, em Vigo MARÍA MENDOZA 4'36''
2'22'' ARS ANTERGA Ai ondas que eu vim veer BIRD OF HERMES PROYECT 5'38''



BIBLIOGRAFÍA

ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, Xosé María. Martín Codax, cantor do mar de Vigo. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 1998.
E miraremo-las ondas! Once cantigas no mar de Vigo. Mendiño, Martín Codax, Joan de Cangas. Coruña: Espiral Maior, 1998.
BELTRAN, Vicenç. MartÍn Codax o el poeta intemporal. Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, 2003. www.cervantesvirtual.com/obra/martin-codax-o-el-poeta-intemporal-0/
BREA, Mercedes et al. Johán de Cangas, Martín Codax, Meendinho, 1200-1350. Lírica medieval. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 1998. (Contén CD por Vozes Afonsinas).
CODAX, Martin. Cantigas. Vigo: Editorial Galaxia, 1998. (Contén CD por Grupo de Música Antiga de Compostela).
COUCEIRO PÉREZ, Xosé Luís e Fontoira, Lydia (ed). Martín Codax, Mendiño, Joán de Cangas. Día das Letras Galegas 1998. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 1998.
CUNHA, Celso Ferreira da. O cancioneiro de Martin Codax. Rio de Janeiro: 1956. Reimpreso en Cancioneiros dos trovadores do mar. Lisboa: Imprensa Nacional-Casa da Moeda, 1999.
FERNÁNDEZ DE LA CUESTA, Ismael. Historia de la música española I. Desde los orígenes hasta el Ars Nova. Madrid: Alianza Editorial, 2004.
FERNÁNDEZ GUIADANES, Antonio et al. Cantigas do mar de Vigo. Edición crítica das cantigas de Meendinho, Johan de Cangas e Martin Codax. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades - Xunta de Galicia, 1998.
FERREIRA, Manuel Pedro. O Som de Martin Codax. Sobre a dimensão musical da lírica galego-portuguesa (séculos XII-XIV). The sound of Martin Codax on the musical dimension of the Galician-Portuguese lyric (XII-XIV Centuries). Lisboa: Imprensa Nacional-Casa da Moeda, 1986. (Contén disco)
FLITTER, Derek W. e BAUBETA, Patricia Anne Obber de. (coor). Ondas do Mar de Vigo. Actas do Simposio Internacional sobre a Lírica Medieval Galego-Portuguesa. Birmingham: Seminario de Estudos Galegos-Department of Hispanic Studies, The University of Birmingham, 1998.
GARCÍA LLOVERA, Julio Miguel. El portativo español. Iruña: Ediciones Eunate, 2013.
HERRERO MASSARI, José Manuel. Juglares y trovadores. Madrid: Editorial Akal, 2009.
HOPPIN, Richard H. La música medieval. Madrid: Ediciones Akal, 1990.
LANCIANI, Giulia e TAVANI, Giuseppe (org). Dicionário da Literatura Medieval Galega e Portuguesa. Lisboa: Editorial Caminho, 1993.
LEMAIRE, Ria. “E se fossem as próprias mulheres que…?” em Actas do IV Congreso Internacional da Língua Galego-Portuguesa na Galiza. Vigo: Associaçom Galega da Língua, 1996, p. 261-282.
LIRES, Socorro e LEMAIRE, Ria. Cores do Atlántico. Vigo: Pai Edicións, 2010. (Contén CD por Socorro Lires)
LÓPEZ COBAS, Lorena. Historia da música en Galicia. Lugo: Ouvirmos, 2013.
MONTEAGUDO, Xosé Henrique, POZO GARZA, Luz e ALONSO MONTERO, Xesús. Tres poetas medievais da Ría de Vigo. Martín Codax, Mendiño e Johán de Cangas. Vigo: Editorial Galaxia, 1998.
MONTEAGUDO, Xosé Henrique e TAVANI, Giuseppe. Bañarmos emos nas ondas. As sete cantigas. O pergamiño Vindel. Coruña: Real Academia Galega, 2014.
PENA, Xosé Ramón. Xograres do mar de Vigo. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 1998.
POZO GARZA, Luz. Ondas do mar de Vigo. Erotismo e conciencia mítica nas Cantigas de Amigo. Vigo: Espiral Maior, 1996.
QUEIXAS ZAS, Mercedes. Os trovadores do Reino de Galiza. Martín Códax, Mendiño, Xohán de Cangas. Vigo: Edicións A Nosa Terra, 1998.
RECKERT, Stephen e MACEDO, Helder. Do Cancioneiro de Amigo. Lisboa: Assírio & Alvim, 1996.
RIBERA i TARRAGÓ, La música árabe y su influencia en la española. Valencia: Editorial Pre-Textos, 2000.
VV. AA. A performer’s guide to Medieval Music. Indiana: Indiana University Press, 2000.
VV. AA. Congreso O mar das cantigas. Actas do Congreso o mar das cantigas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1998.
VV. AA. Homenaxe ós tres poetas medievais da ría de Vigo. Martín Codax, Mendiño, Johán de Cangas. Coruña: Real Academia Galega, 1998.
VILLANUEVA, Carlos, COSTA, Luís e BREA, Mercedes. Cantigas do mar. Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1998.



CRONOLOGÍA

c. 900 Codex Bamberg, Musica Enchiriadis e Scholia Enchiriadis, primeira polifonía en movimento paralelo.
1030 Micrologvs, tratado de teoría da música escrito por Guido de Arezzo, inventor da notación musical moderna.
1071-1126 Primeiro trovador coñecido: o provenzal Guillelme IX de Aquitania
1075 Inicio da construción da Catedral de Santiago de Compostela.
c. 1100 Ad Organum Faciendum, manual anónimo para tocar o órgao.
c. XII Florecimento da artes dos Minnesänger, trovadores xermanos agrupados en irmandades.
1101-1136 Diego Xelmirez, bispo de Compostela.
1126 Instauración do Ano Santo Compostelano polo papa Calixto II.
1139 Publicación da Historia Compostelana, obra que contén unha crónica do reino de Galiza durante os reinados de Afonso VI, Urraca e Afonso VII
1163 Inicio da construción da Catedral de Notre-Dame de París.
1160 Ano de referencia en que Aymeric Picaud escribe o Códice Calixtino ou Liber Sancti Jacobi, provabelmente promovido por Xelmírez e que inclúe música de oficios, misas, un suplemento gregoriano, as primeiras polifonías e un himno.
1168-1688 O Mestre Mateo desenvolve a construción do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela por encomenda do rei Fernando II. Instrumentos musicais que sosteñen os 24 anciáns do Apocalipse.
1170 Primeiros textos escritos en galego. Universidade de París. Primeiro manuscrito de La Chanson de Roland, talvez o cantar de xesta mais antigo de Europa escrito en lingua romance.
1170-1250 Magnus liber organi et antiphonario pro servitio divino, manuscrito con composicións para órgao durante ese período, atribuídas aos mestres da Escola de Notre Dame de París.
1182—1190 Perceval, o Conto do Graal, romance inacabado de Chrétien de Troyes, un dos primeiros autores en escribir romances de cabalaría e considerado o primeiro grande romancista en lingua francesa.
c. 1200 Das Nibelungenlied - Canción dos Nibelungos, a máis famosa das versións do poema épico que narra a saga dos nibelungos escrito en alto alemán medio.
c. 1200 Manuscrito do Cantar de Mio Cid, cantar de xesta anónimo escrito en castelán que relata as fazañas heróicas dos últimos anos de vida cabaleiro Rodrigo Díaz.
1209 Universidade de Cambridge
1218 Universidade de Salamanca
c. 1220 Edda prosaica, Edda menor ou Edda de Snorri. Manual de poética islandés de Snorri Sturluson de materia mitolóxica nórdica.
1231 O papa Gregorio IX institue a Inquisición.
1232 Inicio da construcción da Alhambra de Granada
1246-1248 Finalización do Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense baixo o episcopado do bispo Lourenzo. Instrumentos musicais que sosteñen os 24 anciáns do Apocalipse.
c. 1250 Manuscrito de Londres, primeiro manuscrito con música instrumental exclusivamente.
c. 1275 Composición da obra teatral musical en lingua de oïl Jeu de Robin et Marion polo troveiro, músico e poeta Adam de la Halle.
1279 Dom Dinis proclamado rei de Portugal. Trovador e fundador da Universidade de Coimbra.
c. 1284 Cantigas de Santa María, cancioneiro relixioso medieval en lingua galego-portuguesa atribuído ao rei Alfonso X.
1291 Nacimento de Philippe de Vitry, autor do tratado Ars Nova -novo estilo musical da produción francesa e italiana do século XIV- que dará nome á nova época musical.
1304-1321 Período durante o que Dante Alighieri escribiu a Divina Commedia, obra-prima da literatura italiana.
c. 1343 Libro del Buen Amor de Arcipreste de Hita, obra cimeira da literatura de Castela.
1348-1353 Decameron de Giovanni Boccaccio.
1356-1358 Primeira redacción do Canzionere, obra lírica en toscano de Francesco Petrarca.
1387 Ano de edición do Contos de Canterbury de Geoffrey Chaucer, considerados consolidadores da lingua inglesa.
c. Finais do século XIV. Copia do Llivre Vermell de Montserrat que contén cantos medievais en catalán, ocitano e latín destinados aos peregrinos que chegaban ao Mosteiro de Montserrat.



RECURSOS INTERNET

Aula de Literatura Portuguesa
auladeliteraturaportuguesa.blogspot.com
Cantigas de Martim Codax, presumido jogral do século XIII
pt.wikisource.org/wiki/Anexo:Imprimir/Cantigas_de_Martim_Codax,_presumido_jogral_do_s%C3%A9culo_XIII
Cantigas Medievais Galego-Portuguesas. Projeto Litera.
cantigas.fcsh.unl.pt/apresentacao.asp
Jogral. Wikipedia
pt.wikipedia.org/wiki/Jogral
Martim Codax. Letras Galegas. Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.
letrasgalegas.org/bib_autor/codax/
Lírica profana galego-portuguesa. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
cirp.es/prx2/lirica_profana.html
Martim Codax. Cantigas de Amigo. A Discography
medieval.org/emfaq/composers/codax.html
Martím Codax. Portal Galego da Língua.
agal-gz.org/modules.php?name=Biblio&rub=mostra_libro&id_livre=351
Martim Codax. Wikipedia
pt.wikipedia.org/wiki/Martim_Codax
O Cancioneiro de Martim Codax. Celso Cunha
letrasgalegas.org/servlet/SirveObras/76856029720813993464724/p0000001.htm#I_9_
Pergaminho Vindel. Wikipedia
pt.wikipedia.org/wiki/Pergaminho_Vindel
Trovadorismo. Wikipedia
gl.wikipedia.org/wiki/Trobadorismo

Producción: DIFUSORA DE LETRAS, ARTES E IDEAS

Dirección editorial: Xavier Paz
Dirección musical: Ars Anterga

Textos: Difusora de Letras, Artes e Ideas / Ars Anterga / Bird Of Hermes Proyect / Burgas Beat / Chamuyo Tango / Colectivo Ar / María Mendoza / MCarballo/ Os Amigos dos Músicos
Músicas: Ars Anterga / Bird Of Hermes Proyect / Burgas Beat / Chamuyo Tango / Colectivo Ar / María Mendoza / MCarballo/ Os Amigos dos Músicos
Apoian: Universidade de Vigo / Concello de Ourense / Café Cultural Auriense / Café&Pop Torgal / Café Pub Jam Session

Deseño: Xosé Lois Vázquez | disigna edenia

Editado por DIFUSORA DE LETRAS, ARTES E IDEAS
Rúa Bedoya 5 – 1º, 32004 Ourense – Galiza
Teléfono: 988 255 010
Correo electrónico: info@difusora.org
Internet: www.difusora.org

Licencia: Permítese a reprodución, así como a utilización deste CD para a execución pública ou a radiodifusión. Calquera utilización total ou parcial da obra deberá recoñecer e citar a autoría. Dep. Legal: OU 334-2014
ISBN 978-84-92958-31-3
Impresión: Rodi Artes Gráficas
Fabricación: CDImagen.com

https://www.facebook.com/meuamigomartimcodax?fref=ts

As gravacións das cantigas interpretadas por Ars Anterga, Burgas Beat, Chamuyo Tango e Os Amigos dos Músicos foron realizadas nos estudios Mafia Records en Partovia (Carballiño) por Óscar Fernández. A gravación de Colectivo Ar foi realizada por Rafael Ullán e a de Bird Of Hermes Proyect por Jorge Fernández nos respectivos estudios. As gravacións de María Mendoza e MCarballo foron realizadas en Tooma Records por Marcos Rodríguez. Todas as gravacións foron realizadas entre os meses de Xullo e Setembro de 2014. María Mendoza fixo a mestura do seu tema. O resto das mesturas e masterizacións foron realizadas por Óscar Fernández.

Para a gravación deste disco contouse con instrumentos construídos no Obradoiro-Escola de Instrumentos Populares da Deputación de Ourense por Manuel Brañas a principios dos anos noventa, reprodución dos instrumentos esculpidos na pedra do Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense