AZUL DE BUEU



Azul de Bueu é un proxecto musical interpretado por seis músicos de recoñecido renome da escena galega da música tradicional e o jazz onde os temas tradicionais son tratados dun xeito moi semellante ao que os músicos de jazz trataron as melodías e cancións populares americanas que acabaron por se converter en “standards”.

Azul de Bueu son:

Sonsoles Penadique (voz, acordeón diatónico)
Xosé Miguélez (saxo)
Wilfried Wilde (guitarra)
Alexandre Touceda (contrabaixo)
Iago Fernández (batería)
Virxilio da Silva (dirección artística, guitarra)



A partir das melodías da tradición vogal galega, Azul de Bueu quere amosar a súa proposta interpretándoas con cores harmónicas e tímbricas xenuinamente jazzísticas. Podemos falar dun auténtico jazz galego. Os puntais do proxecto son os ritmos, as melodías, as escalas, as harmonías, a improvisación e a flexibilidade formal. En todos estes aspectos Azul de Bueu atopou fortes e fermosos nexos de unión entre a tradición oral galega, o jazz e outras músicas modernas. Azul de Bueu é un proxecto de fusión onde se afonda no repertorio máis antigo e tradicional galego para introducilo no universo do jazz e a música moderna, sempre dende o respecto á tradición e o afán innovador.

Temas.:

O Cotiño da Cruxeira
Vente vindo
Mozos hainos na montaña
Véndeme o boi
Eu xunguín
Teño unha morena
Miña nai non quere
Unha nena nunha fonte
Arrourrou

Tódo-los temas son arranxos orixinais de Wilfried Wilde de melodias tradicionais galegas. Agás Vente Vindo de Cristian Leggiero e Mozos Hainos na Montaña de German Diaz

Gravado polos irmáns Quintá no estudio As Gonzaliñas (Lalin).

Mesturado e masterizado por José Trincado (Triqui).

As súas músicas estan editadas baixo licenza Creative Commons 2017.

Unha das manifestacións máis prolixas da música de tradición oral en Galicia é a música vogal. Esta interpretábase para acompañar todos os momentos da vida cotiá.

A improvisación non é allea á música galega. Aparece maioritariamente nos melismas e ornamentos e na lixeira variación melódica. E onde podemos falar dunha auténtica arte improvisatoria é nos bailes soltos onde existen verdadeiros códigos que fan posible a improvisación con formas sofisticadas. Por estas semellanzas das músicas de tradición oral co jazz, na actualidade, en Europa, hai toda unha corrente de fusión da música vernácula con jazz, música moderna e outras músicas improvisadas. En Galicia, tamén se están facendo cousas moi interesantes a este respecto e Azul de Bueu quere aportar o seu gran de area nesta interesante corrente.

Os puntais do proxecto son:

As melodías e as escalas vencelladas á tradición, as cales lanzaremos empregando a voz e o ritmo tal como se facía na tradición galega. A técnica vogal empregada aglutina a tradición oral galega e peninsular máis o xeito natural de colocar a voz e os acentos dos cantantes de jazz e blues do século XX. A improvisación e a flexibilidade formal están presentes nas interpretacións.

As modernas harmonías creadas por Wilfired Wilde para alfaiar as melodías e ritmos seleccionados están inspiradas nos modos e no sistema musical galego buscando un equilibrio entre a rica linguaxe harmónica do jazz e o minimalismo e a sobriedade da tradición galega onde as harmonías ou heterofonías que se empregaban eran moi comedidas.

O emprego da guitarra para lanzar estas harmonías e a inclusión da sección rítmica responde á un desexo de enriquecemento e renovación das tradicionais seccións rítmicas que eran empregadas na música galega.

A presenza do saxofón como instrumento solista responde a esa especial predilección galega polos instrumentos de vento onde a riqueza na articulación e na ornamentación é primordial. Tamén se empregará o acordeón como base harmónica e instrumento de cor.

A pesar deste compoñente libre e innovador en Azul de Bueu non perdemos de vista o compoñente utilitario destas cancións, é dicir, que as muiñeiras e as xotas sexan bailables, que os cantos abertos sexan melodicamente intelixibles e emocionantes e que haxa retrousos cantables. Todo elo para dosificar a innovación e facela chegar a un público o máis amplo posible.

Os temas musicais escollidos están extraídos de cancioneiros na súa maioría, outros son produto da recolleita de modernos etnomusicógrafos.

En definitiva, Azul de Bueu é un proxecto de fusión onde se afonda no repertorio máis antigo e tradicional galego para introducilo no universo do jazz e a música moderna, sempre dende o respecto á tradición e o afán innovador.


Podedes escoitar as súas musicas no seu soundcloud en:

https://soundcloud.com/user-348545260



CONTACTO:

azuldebueu@gmail.com