Ramón Dopico, Jorge García, Cristina Sánchez, María Montero, Mariana Montero, Andrea Montero, Alejandra Montero, Antonio Prado, Cristina Dopico e Xosé Lois Romero
Aliboria é un colectivo de músicos galegos, dirixidos por Xosé Lois Romero, que reinterpretan os cantos e os ritmos enxebres de Galicia con arranxos que renovan a sonoridade da percusión tradicional galega mesturando bombos, tambores, tixolas, tarrañolas, pandeiretas, sachos, pandeiras, pandeiros, latas ou cunchas, entre outros.
As mulleres e homes que conforman Aliboria formáronse na música popular dende ben cativos e representan unha nova xeración de músicos cun coñecemento amplo do seu folclore e cunha gran calidade técnica, un equipo perfecto para que o mestre Romero dea un novo paso adiante na evolución da música popular galega, que vive actualmente o seu momento máis fértil e en permanente proceso de actualización.
A música de Aliboria combina as voces ancentrais da tradición oral de Galicia coa forza e o colorismo tímbrico da percusión tradicional, todo tinguido coa frescura e enerxía que a xuventude dos seus membros lle aporta.
En 2016 verá a luz a súa primeira gravación discográfica que servirá de tarxeta de presentación desta nova proposta que nace coa vontade de amosar ao mundo a vitalidade da música galega.
Xosé Lois Romero é un dos músicos clave no rexurdimento da música galega das últimas décadas. Recoñecido acordeonista, percusionista e compositor formado na música tradicional, foi membro de grupos referenciais coma os cuartetos Lelia Doura e Luvas Verdes, así como da compañía Nova Galega de Danza, na que foi director musical nos espectáculos “Alento” (2003), Premio
Opinión a Mellor Disco Galego do Ano, e “Engado” (2006).
En 2008 realizou os arranxos e a dirección musical do espectáculo “Terra de soños”, que supuña o retorno aos escenarios de Fuxan os Ventos, con 30 recoñecidos artistas en directo. O concerto foi editado en 2009 en fomato libro-CD-DVD. Ese mesmo ano elabora
e interpreta en directo a música do espectáculo “Ovay”, primeira montaxe da compañía de Quique Peón, editado dixitalmente como “Música para Ovay”.
É coautor da colección didáctica musical “Pel & madeira” e na actualidade centra a súa actidade no trío tradicómico Vaamonde, Lamas e Romero e compaxina as súas xiras e concertos coa docencia e a difusión do folclore tradicional.
A súa traxectoria está marcada pola teimuda busca de novos camiños e polos proxectos multidisciplinares, sempre dende unha perspectiva galega.
Ten colaborado con innumerables artistas, tanto en gravacións coma en directo, e obras da súa autoría forman parte dos seus repertorios: Mercedes Peón, Kepa Junquera, Susana Seivane, Guadi Galego, X.M. Budiño, Leilía, Xabier Díaz, Fuxan os Ventos, Faltriqueira, Radio Cos, Coetus, Jane Joyd, aCadaCanto, Jabbar Al Janabi, Orquestra de Jazz de Galicia… cos que ten actuado por todo o mundo, dende Amann a Nova Iorque, pasando por Zimbabwe ou Bos Aires.
Xosé Lois Romero & Aliboria Estrela guía primeiro single do seu terceiro disco, que lles abre de par en par o peito e enceta un camiño novo no imaxinario musical de Aliboria. Inés Salvado Gontad fixo este marabilloso vídeo que tan ben amosa a alma do grupo Gravación e mestura do audio: Rubén Montes (Disquesi Estudios) Management: Raso Estudio https://www.youtube.com/watch?v=_rqmj6mxEVc |
Latexo (2020)
Moitos poderano tentar, pero poucos poden acadar trasladar esa sensación de latexo intenso, de zunido terrestre, de tribo atemporal, de música telúrica extirpada da terra, de ritmo racial coma o acadan Xosé Lois Romero & Aliboria.
Neste 2020 un novo e agardado segundo disco foi editado polo selo madrileño Raso Estudio.
Esta sorte de orquestra neo-tradicionalista ou de colectivo musical con forma de banda integrada por dez músicos, publicou a súa particular versión da “Muiñeira de Ons” (Raso Estudio, 2019), un clásico tradicional da Illa de Ons que xa é cantado por grupos vocais de varios continentes grazas ao arranxo de Xosé Lois Romero e Aliboria.
Muiñeira de Ons (Ao vivo)
https://www.youtube.com/watch?v=ZW2SwOEwn-Q
A sonoridade de Xosé Lois Romero & Aliboria vai máis alá da renovación dos códigos do folclore galego:
o seu son ás veces achégase ás maneiras da world music, da facción africana máis racial ou do indixenismo latinoamericano, pero tamén comparte tratamentos con iconas da música industrial como Einstürzende Neubauten ou Swans, pero tamén con harmonizadores tribais coma Milton Nascimento, ourives post-folclóricos como os cataláns Coetus ou renovadores percutivos como os brasileiros Barbatuques ou os arxentinos La Bomba de Tiempo.
O acougo do colo (ao vivo)
https://www.youtube.com/watch?v=WI3R9TRWWxU&feature=youtu.be
Podedes mercalo no bandcamp de Raso:
https://raso.bandcamp.com/album/xos-lois-romero-aliboria-latexo
Discografia previa:
Xosé Lois Romero & Aliboria (2016)Temas:
1. Liñares (I) 3:35
2. Mangüeiro (Olvídame) 3:13
3. Gargamala 4:33
4. Toutón 6:08
5. Caroi 3:55
6. De Laxoso a Zobra (con Mario Mas e Aleix Tobias) 6:09
7. Arcos 3:33
8. Liñares (II) 4:36
9. Seixedos 5:10
Gravado por Rubén Montes en Casa Gasamáns (Ames, A Coruña) os días 22, 23 e 24 de xaneiro de 2016. Tres días de convivencia de músicos e técnicos na casa de turismo rural crearon unha boa sintonía que se veu reflectida nas gravacións e que ainda persiste nos seus directos.
Aleix Tobias e Mario Mas foron gravados por Dènys Sanz en Estudis Saudade en Granollers e CasaMas no Penedès (Barcelona).
Mesturado e masterizado por Rubén Montes en Estudios Disquesí (Oza dos Ríos, A Coruña).
Producido por Xosé Lois Romero e Rubén Montes.
Xosé Lois Romero & Aliboria - Mangüeiro
https://www.youtube.com/watch?v=Ge9Uu8SeGDE
Xosé Lois Romero & Aliboria - Toutón
https://www.youtube.com/watch?v=tKZHjbR7hnI
En calquera caso sempre podedes mercalo en www.xoseloisromero.com e enviarásevos a casa.