Existe na provincia de Pontevedra un conxunto minoritario de cantantes que teñen como denominador común o acompañamento rítmico do pandeiro cadrado, tocado fundamentalmente por tocadoras femininas.
Até o primeiro terzo do século XX este repertorio acompañou so seu rouco son moitas das prácticas rituais da sociedade preindustrial galega.
Ao mesmo tempo, a suá presencia foi habitual nos seráns como instrumento acompañante das cantigas bailabeis. Desta forma, as tocadoras conservan na súa memoria bo número de xotas, ribeiranas, valses, pasodobres, chiqui-chiquis e rumbas.
Maruxa das Cortellas Alalá TVG
https://www.youtube.com/watch?v=pRmeyfD2yjo
"Falar de Maruxa das Cortellas é falar dunha das grandes tocadoras de pandeiro do país. Maruxa foi a única muller da súa xeración que tivo interese en aprender a tocar o pandeiro ao xeito das antigas da aldea.
A súa figura foi clave na recuperación dos estilos interpretativos arcaicos.
A raíz das súas aparicións no Luar a finais da década dos noventa e da súa participación asidua nos seráns urbáns, xurdíu un grande interese no seu xeito de tocar o pandeiro.
É indiscutible que a música vocal de tradición oral de Galiza se escribe en feminino.
As investigadoras, as divulgadoras, as artistas debemos comprometernos para xerar espazos dende os nosos ámbitos profesionais nos que visibilizar esta realidade.
Para que a sociedade sexa consciente da importancia que teñen estas mulleres dentro da nosa historia precisamos crear iconas, figuras de referencia coas que pórlle nome propio á tradición. Maruxa ten que ser un destes nomes"
Xulia Feixoo.
Percusionista e etnomusicóloga nada en Vigo en 1987. É Titulada Profesional en Percusión (Vigo, 2010), Licenciada en Historia da Arte, especialidade Historia da Música (Santiago de Compostela, 2010) e Titulada Superior en Etnomusicoloxía (Vigo, 2016).
Dentro do panorama folk galego é integrante da banda do arpista Rodrigo Romaní, formación coa que realiza a xira do seu disco As Arpas de Breogán (Fol Música, 2012) e coa que grava o disco Fíos de ouro no Ar (Fol Música, 2018). Ata o 2017 foi percusionista da Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu, formación coa que participa na gravación do seu cuarto traballo discográfico Danzas Brancas (Fol Música, 2013) e coa que colabora no disco Galiza (Fol Música, 2013) do artista vasco Kepa Junkera.
Como intérprete de música tradicional acadou os primeiros premios nos concursos máis sinalados de cuartetos do país co cuarteto Virutas de Ébano: Concurso de Gaitas de Ponteareas (2014), Concurso de Música Tradicional Xacarandaina (2014 e 2015) e Concurso de Música Tradicional de Luou (2013). Gañou tamén o primeiro premio no Concurso de Música Tradicional de Luou (2010), en colaboración co cuarteto Canle Dadá, o segundo premio de Gaiteiros Solistas no Concurso de Música Tradicional Xacarandaina (2015) e o terceiro premio no Concurso de Gaiteiros Solistas
de Soutelo (2011), xunto co gaiteiro Lois Prado.
Dende o 2008 e ata o 2016 exerceu como profesora na Escola de Música de Chapela (percusión tradicional, percusión clásica, batería e linguaxe musical)e na Escola de Danza e Música Tradicional Pedra da Garza de Ponteareas (percusión tradicional). Na actualidade é mestra de percusión
tradicional na Escola de Música de Retrouso de Cela, na Escola de Música da asociación Peis d’hos de Cangas e Escola da Asociación Cultural e Folclórica O Fiadeiro, en Vigo. Dende o 2017 dirixe a sección de percusión da Banda de Gaitas Xarabal.
É autora do libro “Maruxa das Cortellas. Tocadora do pandeiro...” (aCentral Folque, 2017) e coautora de “Mulleres de Gargamala! Cantares de tradición oral” (aCentral Folque, 2017).