CRIS REGUEIRO É cantante, teclista, compositora e mestra de música. Tras anos de formación e
experiencia en diversos grupos, a artista dá un paso adiante e inaugura a súa faceta
creadora co seu primeiro proxecto como solista: unha aposta polo aroma da escena
neosoul anglosaxoa, feita en Galicia e en galego. Forza, dinamismo e risco son a receita
da súa música, que conxuga coidados arranxos con temáticas universais como o amor, a
angustia ou a súa obsesión polo café.
TRAXECTORIA DO PROXECTO
Un sold out no club Jazz Filloa da Coruña bautiza o proxecto, no seu debut en directo en
agosto de 2022 baixo o nome de Cris Regueiro & The Neo Band. O grupo fórmase en
decembro de 2021, cando Cris Regueiro comparte as composicións que xestara desde
2019 co baixista Ale Cambón e o baterista Bruno Couceiro para forxar arranxos e
redondear os temas. Tras tocar en diversas salas por Galicia e festivais como o Elas Son
Artistas (ESA) e lanzar sinxelos e directos, o trío, xa co nome só da súa líder, entra a
gravar o seu primeiro EP, “Libérome”, no Nadal de 2023 no estudo Drum & Rolls da
Coruña.
EN DIRECTO
Cun son moi coidado e un trío que soa a banda, Cris Regueiro presenta os seus temas en
directos potentes e dinámicos que crean atmosferas envolventes e cambiantes. A artista
acompaña a súa voz co teclado e un looper co que constrúe edificios sonoros á vista e
oído do público. Os músicos recollen as súas influencias do jazz en fragmentos
improvisados e unha conexión atenta e viva para tecer en cada concerto momentos
únicos. Cambón e Couceiro sosteñen os temas cunha base rítmica que destila neosoul,
groove e funky, arroupada por efectos sonoros e que resulta tan rotunda como sutil e
expresiva.
Nos escenarios, Cris Regueiro combina o seu proxecto en solitario co coro feminino de
música moderna Sisters in the House, co grupo Abrente e coa banda homenaxe a Phil
Collins The Air Tonight Band, na que é cantante, corista e teclista. Colaborou con
proxectos como Freedom, Michael Legend Tribute, Gospel 3, Soultrack, Almas de Cántaro
e Audionave e formou parte do octeto vocal creado para poñer música en directo á gala
dos Premios Martín Códax dá Música en 2021.
Libérome (2024)
Gravado en Drum & Rolls de A
Coruña.