MÚSICA DA RIBEIRA
Así define a banda o seu estilo persoal, o seu cóctel particular, cunha etiqueta única: Que é a Música da Ribeira? A que fai Tona.
A que fan estes descentes de piratas e contrabandistas, que aprenderon a falar antes ca a andar. É a música que soaría na aldea muradá de Ventín, no caso de que soase algo.
Este novo proxecto sorprende coa súa particular visión das coplas e melodías populares e cos seus concertos participativos e festivos nos que non
bailar non é unha opción. Directos orgánicos, analóxicos e divertidos cunha formación única:
Miguel Cernadas (Terbutalina) na voz, letras e composición;
Tomás Ageitos (Compañía do Ruído, Das Kapital) na batería e composición;
Roberto Comesaña (colaborador de Susana Seivane ,Cristina Pato..) no acordeón,
Gutier Alvarez (colaborador de Xabier Díaz) no violinofón e
Andrés Real, (Oh Ayatollah, Portosanto) ao baixo.
A este equipo hai que sumar a Víctor Álvarez como coautor, arranxista e técnico ao vivo.
Cruseiro (2025)
Gravado e mesturado en A ponte (Roxos) e masterizado por Dr.Chou.
EP con cinco temas no que se cruzan melodías tradicionais con blues, pop e rock and roll, todo coa intención de facer bailar. O disco, editado por Tremendo Audiovisual, xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais
Para a banda, ‘Cruseiro’ ten “un pouco de todo”. “Ten harmonía, ten melodía e ten retranca”, di Cernadas. “É unha pota na que se funden melodías, ritmos e contos; é o cazo onde cociñamos Tona”, asevera Ageitos. Ao fío, Álvarez alude á “sonoridade singular” do proxecto, que combina melodías tradicionais con blues, pop e rock, e “que alenta os mediodías e seráns de baile”.
AS CANCIÓNS DE ‘CRUSEIRO’
1. ‘Carracho’ A parte instrumental está baseada nunha muiñeira do repertorio d’Os Rosales, grupo mítico de Rianxo. Preséntase como un tema de orientación maioritariamente pop, construído sobre progresións harmónicas simples e directas, que poden lembrar á sonoridade de Do You Remember Rock ’n’ Roll Radio? de The Ramones.
2. ‘O casal’ Na parte instrumental, o ritmo de muiñeira maniféstase acompañando a unha melodía baseada nunha canción infantil popular do repertorio d’Os Cempés. A base harmónica da composición deriva das estruturas do blues tradicional e das progresións características do primeiro rock ’n’ roll. 3. ‘Rhumba95’ Rumba galega mesturada con “second line” neorleanés, na parte instrumental, baseada nun tema do repertorio d’Os Rosales (Rianxo). Hai unha clara influencia das baladas doo-wop dos anos 50, especialmente na disposición dos acordes da sección instrumental. 4. ‘Maio’ A progresión de blues -inspirada na estética harmónica de diversas bandas de rock dos anos 70- funciona como soporte estrutural das coplas, mantendo un diálogo coa liña vocal e incorporando escalas e modos que nos levan a outras tradicións musicais na sección instrumental. Descúbrese a popular A saia da Carolina, mais interpretada nun modo exótico. 5. ‘Asubío’ Ritmo de xota con estrutura de blues. Máis próxima ao pop e á psicodelia dos anos 60, onde a alternancia entre modos menores e maiores contribúe a reforzar a narrativa interna da peza. A parte instrumental está baseada nunha peza de Florencio López, ‘O cego dos Vilares’

