O
SonRías Baixas organiza un concurso para bandas emerxentes en
colaboración coa Radio Galega
- Os gañadores compartirán o cartel oficial e o escenario principal do Festival con bandas internacionais e nacionais de renome e optarán a premios en metálico por valor de 1.500 euros, máis a posibilidade de gravar unha maqueta na RG e de participar nun programa da TVG
- O Festival, que celebrará a súa XII edición os días 2 e 3 de agosto en Bueu, conquistou o ano pasado a máis de 15.000 persoas coa súa particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado. As entradas xa están á venda na súa web
Bueu,
10 de abril de 2013.- O SonRías Baixas organiza o I Concurso
SonRías (#SRB2013) co obxectivo de ofrecerlles ás bandas
emerxentes a posibilidade de formar parte do cartel oficial do
Festival SonRías 2013, compartindo o escenario principal con
artistas da talla da mítica banda punk británica The Toy Dolls ou
dos italianos Talco. Estas dúas bandas europeas son as primeiras
confirmacións da XII edición do certame, que encherá de música e
de festivaleiros con ganas de troula un ano máis o Multiusos da
Estacada, en Bueu, a fin de semana do 2 e o 3 de agosto. A
organización anuncia que nas próximas semanas haberá máis
confirmacións de bandas internacionais e estatais de referencia no
mundo do rock, mestizaxe, ska-reagge e ritmos urbanos. As primeiras
500 entradas están á venda na web do Festival a un prezo reducido
de 18 euros o abono dos dous días, coa acampada incluída.
Esta
primeira edición do Concurso SonRías (#SRB2013) conta cunha
dotación de 1.500 euros para repartir en dous premios. Entre as
bandas admitidas a concurso, o público elixirá a través das redes
sociais cinco finalistas para o Premio SonRías Baixas, aos
que se lles sumarán outros cinco artistas seleccionados polo xurado
do Festival, que estará composto por persoas de referencia no sector
musical, como Rubén Sierra, líder de La Pegatina e experto en
comunicación musical 2.0; Juan Carlos Cabano Juankar, líder
de Boikot, produtor e axitador de propostas musicais; Salva Rodríguez
Ronko, director de programación de Radio Vigo (SER) e
responsable do Maketón; Faber, produtor musical e colaborador de
Estudio 3, na Radio Galega; David, programador do Café Auriense,
referente da música en directo en Ourense; Víctor Cabaleiro Leiro,
responsable da Sala Aturuxo, unha das de maior e mellor curriculum de
Galicia; ou Berta Domínguez (SonRías): experta en comunicación
musical 2.0 e bandas emerxentes e representante da organización do
Festival SonRías Baixas. A banda gañadora recibirá un premio de
1.000 euros e tocará no escenario principal do Festival SonRías
Baixas.
A
Radio Galega, pola súa banda, seleccionará de entre os admitidos a
concurso as formacións que teñan cancións en galego e publicadas
baixo licenza Creative Commons. As bandas que cumpran estes dous
requisitos optarán ao Premio Son Radio Galega, cuxos
finalistas serán escollidos polo público da Radio Galega, a través
de chamadas en directo e de Internet. De entre eses cinco finalistas,
elixirá o gañador/a do Premio un xurado formado por dous críticos
musicais e a xefa de programas da Radio Galega. A banda gañadora
recibirá 500 euros, gravará unha maqueta nos estudios da Radio
Galega e actuará nun programa da Televisión de Galicia.
O
prazo para presentarse comeza hoxe mesmo e remata o vindeiro xoves,
18 de abril. As bases
e o formulario
de inscrición
están dispoñibles na web do Festival.
De
Festivaleiros para Festivaleiros
A
particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno
privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías
Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no
resto do estado. Co slogan “de Festivaleiros para
Festivaleiros” por bandeira, a organización artella cada ano unha
completa programación musical que combina nomes consagrados e novas
propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi
asequibles. Co I Concurso SonRías (#SRB2013) queren
ofrecerlle, tamén, ao seu público a posiblidade de participar
activamente na programación do Festival, seleccionando cos seus
votos dúas das bandas participantes.
Agradecémosvos
a difusión e quedamos á vosa disposición
para
calquera aclaración ou dúbida.
Prensa
SonRías Baixas 2013
Sonia
Díaz | 679 96 56 92