O disco inclúe pezas de compositores clásicos e contemporáneos como Xoán Montes, Xosé Baldomir, Antón García Abril, Juan Durán, Octavio Vázquez e Fernando Buide.
O obxectivo deste proxecto é reunir e poñer a disposición do público galego (e non só) a obra musical creada a partir dos poemas rosalianos, sobre todo no caso da música clásica, dado que a maioría das pezas non están gravadas ou aparecen rexistradas de maneira dispersa. A súa poesía foi escollida polos principais compositores galegos de música culta para ser convertida en cancións. Moitas destas creacións, como a “Negra sombra” de Montes ou o “Maio longo” de Baldomir, chegaron ao público por versións de intérpretes pop ou folk, o cal contribuiu inmenso á sua difusión, mais ocultou a sua natureza orxinaria.
A relación de Rosalía de Castro coa música vai alén da sonoridade das suas poesías, pois era unha persoa con formación musical, que -segundo nos conta Murguía- tocaba varios instrumentos e que mesmo titulou un manifesto cun nome tan musical como “Lieders”.
As pezas incluídas neste proxecto (CD1) pertencen ao que se coñece como lied ou canción culta -eis a coincidencia co título do manifesto rosaliano-, unha forma escrita para voz e para piano, que procura unha íntima unión entre música e poesia. Naceu no que hoxe se coñece como Alemaña e Austria na segunda metade do XVIII, e extendeuse por toda a Europa romántica chegando a Galicia, onde autores como Marcial del Adalid (1826-1881) ou Xoán Montes (1840-1999) situaron a música galega na vangarda do que se estaba a facer no resto no continente.
Esta forma musical, a canción culta ou lied, continuou a ser cultivada por compositores e compositoras do noso país até a actualidade, sendo Rosalía de Castro un referente tan importante como Rückert ou Heine para o lied alemán ou Verlaine para a mélodie francesa. Infelizmente, a maior parte destas pezas rosalianas non están gravadas ou aparecen rexistradas de maneira dispersa, de aí a importancia desta gravación.
‘Rosalía Cantada’ (vol. 1 Música clásica) foi gravado en directo o pasado 14 de novembro no Auditorio de Galicia, da man do enxeñeiro de son Pablo Barreiro. Este proxecto editouse ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, e contou coa colaboración do Concello de Santiago, o Concello de Valga e a Radio Galega.
INTÉRPRETES:
Eliseu Mera (Barítono)
Iniciou os seus estudos musicais no Conservatorio de Música de Ourense, onde completou o Grao Profesional de Guitarra. Logo ingresaría nos conservatorios superiores de Vigo e da Coruña para estudar canto co tenor José Antonio Campo e co barítono Antón de Santiago.
Representou óperas e zarzuelas coma La serva padrona, Dido and Aeneas (Aeneas) de Henry Purcell, Le nozze di Figaro, Così fan tutte, Rita, Lucrezia Borgia, Rigoletto, El barberillo de Lavapiés, Madama Butterfly, Il segreto di Susanna, The Telephone ou The four note opera. Cantou tamén como solista outras obras como os Requiem de Wolfgang A. Mozart e de Gabriel Fauré, o Stabat Mater de Nicolás Ledesma, o Te Deum de M.A. Charpentier ou Carmina Burana de Carl Orff.
Cándido Cabaleiro (Piano) Estudou Piano no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde rematou o grao superior. Recibe clases da profesora Vladimira Smausova ao tempo que remata a Diplomatura de Mestre de Educación Musical pola Universidade de Vigo. Ten feito cursos de pedagoxía e clases maxistrais con Ludovica Mosca, Rita Wagner, Eulalia Solé, Arpad Bodó, Manel Rodeiro, Emilio Molina, Charles Rosen, Sofía López Ibor, Violeta H. de Gainza, Doug Goodking, Patxi del Campo, Jos Wuytack, Susa Herrera, J.Faller, C.H.Joubert, Wolfram Rieger ou Eduardo Requejo. No 2000 e 2001 imparte cursos de extensión Universitaria para a Universidade de Vigo.
Como intérprete ten actuado con formacións diversas que van dende coros polifónicos pasando pola Orquestra Clásica de Vigo, Ensemble de cordas 430, Cuarteto Caramuxo, o Coro de Cámara “A Laranxa” ou o grupo de música antiga E-Ultreia. No 2005 e 2006 Pianista acompañante dos cursos de técnica vocal organizados por Camerata Ad Libitum. Canto ao repertorio vocal ten traballado coas sopranos Raquel Sestelo, Mónica de Nut e Beatriz Riobó, co tenor Enrique A. Martínez e co barítono Eliseu Mera.
Cómo Chove Miudiño
https://www.youtube.com/watch?v=AL96W4lKXsc
Contacto :
Casa-Museo Rosalía de Castro
A Matanza 15917 Padrón
699.945.778 (Comunicación)